O informe sobre a administración dixital nos concellos elabórase mediante unha enquisa aos concellos galegos que realiza OSIMGA en colaboración coa oficinal eConcellos, de AMTEGA.
A enquisa realizouse a través dunha plataforma web. A oficinal eConcellos de Amtega desenvolveu o traballo de recollida de datos. Participaron un total de 287 concellos en 2023, subministrando a información necesaria para a elaboración deste informe.
Practicamente a totalidade dos concellos de Galicia (un 99%) dispoñen de sede electrónica, fronte ao 79,3% que había en 2017, de acordo cos datos recollidos no informe bienal. Todos os concellos de máis de 5.000 habitantes dispoñen de sede electrónica.
O trámite con maior dispoñibilidade nas sedes electrónicas dos concellos é o Rexistro electrónico, cun 98,5%. O 24,5% permite pagar en liña a totalidade tributos, multas, taxas, etc., mentres o 66,5% ten parcialmente dispoñible o sistema de pagos electrónicos.
Os trámites que máis se usan na canle electrónica son os de xestión de licitacións e concursos e o de establecemento e sinatura de contratos e convenios.
No 2023, os concellos galegos que contan cun catálogo de procedementos dispoñibles a través de internet acadaron o 67,3%. Destacan sobre todo os concellos que teñen máis de 50.000 habitantes (100%) fronte ao 60,5% dos concellos cunha poboación de menos de 2.000 habitantes.
Comunicación e participación da cidadanía
No 2023, o 97% dos concellos galegos contan cun portal de transparencia, cun crecemento do 2,4% dende 2021. Ademais está presente no 100% dos concellos máis grandes.
O correo electrónico é a canle de comunicación máis empregada nos concellos galegos co 98,9%. Por outra banda, incrementouse o emprego das redes sociais con Facebook á cabeza, cun uso do 89,4%, seguida de Instagram co 55,9% e de Youtube co 35,6%.
No 2023, a acción máis común de participación que se facilita á cidadanía é a posibilidade de realizar queixas e suxestións dende a Web, presente nun 58,1% de concellos.
Tecnoloxías disruptivas utilizadas nos concellos e ciberseguridade
En canto ao uso das tecnoloxías disruptivas nos concellos galegos, o 25,9% dispoñen de servizos de Cloud Computing e preto do 22% de sistemas Internet das Cousas (IoT) aplicados a sensores intelixentes de medición, control e xestión do alumeado público ou do rego e subministro da auga.
Un 8,5% dos concellos sufriron un incidente de ciberseguridade no ano 2023, e foron os concellos de máis de 50 mil habitantes os que máis incidentes sufriron (71,4%).