INTECO publicou os resultados da última vaga do ‘Estudio sobre la seguridad de las redes inalámbricas (wifi) en los hogares españoles’ (2º cuadrimestre de 2011), realizado polo seu Observatorio da Seguridade da Información (http://observatorio.inteco.es).
A análise pon de manifesto o uso xeralizado das conexións Wi-Fi e a súa ampla introdución nos fogares. 8 de cada 10 usuarios accede a Internet a través dunha rede sen fíos Wi-Fi. A meirande parte dos internautas (74,1%) conecta a través do seu propio ‘router’, mentres que un 25,2% accede habitualmente a unha rede pública (concellos, cafetarías, etc.) e un 11,9% accede a Internet conectando á rede doutro usuario: amigo, veciño, etc.
Nas redes sen fíos alleas (xa sexan públicas ou doutro particular) a posibilidade de que o tráfico sexa interceptado ou descifrado é maior que cando se utilizan redes propias. Cabe salientar neste sentido, o feito de que un 44,8% dos que se conectan a redes de terceiros fano sempre que o necesita: en calquera lugar, estea ou non protexida esa rede e para realizar calquera tipo de servizo online (incluíndo intercambio de datos persoais, operacións económicas, etc.). Isto supón, a xuízo de INTECO, un mal hábito de seguridade cando se utiliza a rede para asuntos que impliquen o uso de información confidencial (conversacións, mensaxes de correo, contrasinais e calquera tráfico non cifrado).
Doutra banda, é conveniente protexer as nosas redes sen fíos cun contrasinal forte asociado a un bo protocolo de cifrado. Neste sentido, nos resultados obsérvase unha tendencia positiva: os usuarios melloraron a súa seguridade sen fíos abandonando estándares (pouco seguros como o protocolo WEP) e adoptando en maior medida os sistemas de cifrado WPA e WPA2. O uso de WPA/WPA2 (30,4%) supera ao de WEP (20,2%).
Con todo, o 15,3% dos fogares declara non ter ou descoñecer se teñen a súa conexión Wi-Fi protexida, segundo os resultados deste 2º cuadrimestre de 2011. INTECO advirte de que é imprescindible protexer a rede Wi-Fi cun sistema de cifrado, xa que, pola contra, calquera intruso situado dentro do radio de emisión podería acceder aos datos que se estean intercambiando a través da conexión sen fíos.
Respecto das incidencias de seguridade no 2º cuadrimestre de 2011, o 14% dos usuarios declara sospeitar que o seu Wi-Fi sufriu algunha intrusión nos últimos meses. Para asegurar unha rede sen fíos, ademais de usar un estándar seguro, hai que protexela cun contrasinal forte. En caso contrario, os datos quedarán igualmente accesibles para os atacantes, anulando o efecto da tecnoloxía.
Son varias as recomendacións de seguridade para protexer as comunicacións sen fíos, entre elas a de aplicar un bo estándar de cifrado como sistema de seguridade (WPA2 é sen dúbida o máis seguro), non difundir o nome da rede á hora de configurar no router SSID (Service Set IDentifier), apagalo se non se vai utilizar de cotío, e por último, e non menos importante, o contrasinal escolleito para protexer a rede Wi-Fi debe ser forte.
Este estudo constitúe a sétima vaga dunha serie que comezou en 2008 e a metodoloxía utilizada durante o traballo de campo levado a cabo durante o 2º cuadrimestre de 2011 está baseada nun panel online dedicado, composto por 3.500 fogares con conexión a Internet repartidos por todo o territorio do Estado.
‘Estudio sobre la seguridad de las redes inalámbricas (wifi) en los hogares españoles’ (2º cuadrimestre de 2011)