A Administración pública confía os seus sistemas ao software libre

Logo osimga
Data
06/02/2012

Segundo o informe sobre ‘Software Libre en los organismos públicos de ambito estatal 2011’ do CENATIC, unha grande parte da Administración está a adoptar o software libre nos seus proxectos tecnolóxicos. Case o 90% utiliza algún tipo de software libre para as súas contornas de servidor, e case o 80% en equipos de escritorio. Estes datos, con todo, hai que enfrontalos ao volume que representan cada unha das porcentaxes anteriores, que supoñen un 40% e un 15%, respectivamente.

O 68% optan polas aplicacións procedentes de repositorios públicos, o 27% que reutilizan solucións libres doutras administracións públicas. Quizais o máis rechamante sexa a diferenza entre este último valor e a porcentaxe de administracións que xeran software libre directamente (46%), o que mostra a necesidade de seguir potenciando a reutilización de software libre, e non tanto a creación propia.

Con todo, o legado tecnolóxico das administracións públicas non foi desenvolvido pensando na súa posterior liberación e reutilización; por iso, a posteriori, existen unha serie de dificultades legais e técnicas que supoñen unha barreira para que outras administracións reutilicen o software. Para CENATIC resulta esperanzador comprobar que case a metade das administracións comezan os seus novos desenvolvementos tecnolóxicos pensando na súa futura liberación e/ou reutilización, e que o 24% das administracións xa liberaron código ou pensan facelo.

O estudo pon de relevo a confianza crecente das administracións nas capacidades e virtudes do software libre, pois máis do 50% delas úsano para soportar aplicacións críticas; e entre os criterios máis importantes para dirixir as súas políticas de adquisición de software atópanse como elementos fundamentais o rendemento, a interoperabilidade ou a facilidade de personalización, características intrínsecas e tradicionais do software libre.

O cumprimento das expectativas e o rendemento do software son, en opinión dos responsábeis das unidades informáticas, os criterios fundamentais que guían as políticas e prácticas de adquisición de software. Entre os aspectos importantes atópanse, a interoperabilidade con outros produtos, a garantía do software, a facilidade de personalización, ou os custos de migración, soporte e mantemento.

Nos procesos de licitación pública de software, 2 de cada 10 organismos, aínda que non esixen directamente que as solucións ofertadas sexan de fontes abertas, valoran positivamente as ofertas nas que se contemplan as solucións libres; e 1 de cada 10 organismos establece claramente nas licitacións, que na medida do posible (considerando a arquitectura de sistemas da unidade) os compoñentes do software sexan de fontes abertas.

Os enquisados recoñecen que a falta de profesionais expertos en solucións libres e a falta de formación respecto diso é un freo para adoptalo de forma máis xeralizada. En opinión dos máximos responsables das unidades informáticas dos organismos colaboradores, o nivel de coñecemento en materia de software aberto por parte dos técnicos destas unidades é entre medio (49% dos organismos) e baixo (37%), existindo un consenso xeralizado sobre que é necesario mellorar o coñecemento sobre o software libre entre o persoal das unidades (86% dos organismos).

A conclusión final da análise realizada por CENATIC é que esta aposta das administracións públicas por un modelo moito máis aberto e colaborativo, permitirá a reutilización por parte doutras administracións, e a colaboración en forma de comunidades que permitan unha mellor evolución das solucións. Doutra banda, o estudo reflicte a necesidade de vertebrar o tecido TIC en torno ao software libre e capacitar aos profesionais para que sexan os verdadeiros artífices deste cambio de modelo.

O Panel de Indicadores sobre Software Libre en España, é un proxecto do Observatorio de CENATIC cuxos datos se obteñen seguindo recomendacións e estándares europeos e coa colaboración do Instituto Nacional de Estatística (INE).
 

Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades