A AMTEGA apoia a candidatura para a obtención e o recoñecemento do dominio “.gal” na Internet

A AMTEGA apoia a candidatura para a obtención e o recoñecemento do dominio “.gal” na Internet
Data
28/05/2012

A sinatura dun convenio de colaboración entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Asociación PuntoGal facilita os trámites para a presentación da candidatura perante a Internet Corporation for Assigned Names and Numbers (ICANN). Este organismo internacional é o responsable da aprobación dos dominios da Internet e prevé informar da concesión do dominio “.gal” durante este ano 2012, no que poderán rexistrarse aquelas entidades, empresas e particulares que contribúan ao fomento da lingua e a cultura galegas na Internet.

A AMTEGA financia con 213.000 euros as cotas correspondentes á matrícula que esixe a ICANN para poder presentar a candidatura, así como o a constitución dun aval para garantir a xestión do dominio e a participación da Asociación PuntoGal nas actividades de información e promoción que o ICANN e outras entidades vinculadas ao regulamento de Internet realizarán durante este ano. Esta achega económica foi autorizada polo Consello da Xunta o pasado 8 de marzo de 2012 e resposta ao compromiso adquirido pola Xunta de Galicia de colaborar no impulso das actividades de PuntoGal para a obtención e o recoñecemento do dominio “.gal” na Internet dende o ano 2007.

O dominio “.gal” será un identificador que facilite a promoción e uso do galego nas TIC, así como un elemento simbólico fundamental na proxección exterior da nosa identidade cultural na Internet. Na actualidade, un total de 110 entidades están adheridas a PuntoGal, incluídas as principais institucións culturais de Galicia. Participan desta adhesión, entre outras, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade da Coruña, a Universidade de Vigo, o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega e diferentes centros galegos no estranxeiro situados en Portugal, Francia, Suíza, Alemaña, Bélxica, Arxentina, Estados Unidos, Uruguai e Brasil. Deste xeito, o apoio da AMTEGA a esta candidatura está avalado pola colaboración e a participación institucional, coa finalidade de lograr os obxectivos propostos na Axenda Dixital 2014.gal

Enlaces:
www.puntogal.org
www.icann.org
 

Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades