A AMTEGA participa no Comité Sectorial de Administración Electrónica

A AMTEGA participa no Comité Sectorial de Administración Electrónica
Data
29/05/2012

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, participou a pasada semana no Comité Sectorial de Administración Electrónica. Na xuntanza, o Goberno Central presentou as liñas principais do Plan Estratéxico da Dirección Xeral de Modernización Administrativa, coa finalidade de impulsar a administración electrónica e abrir novas canles de colaboración coas Comunidades Autónomas.
Durante a xuntanza, a responsable da Amtega avanzou que Galicia vai facer especial fincapé en dúas áreas de actuación no eido da Administración electrónica: o desenvolvemento da interoperabilidade e a integración dos rexistros estatal e autonómico.
A Xunta de Galicia actuará como o nodo de comunicación que posibilitará a conexión entre os servizos dixitais dos concellos galegos e os do Estado, impulsando así a interoperabilidade administrativa. Para acadar este obxectivo, o Goberno galego está a desenvolver o Centro de Proceso de Datos Integral, que entrará en funcionamento este verán.
A interoperabilidade evita ao cidadán presentar documentos coa mesma información en distintas Administracións, reduce o tempo de xestión e o custe dos trámites e axiliza o tempo de xestión dos procedementos. Sen dúbida, é un elemento fundamental para que os cidadáns poidan resolver as súas xestións coas administracións públicas nun único procedemento ou trámite, independentemente do nivel administrativo ao que se acheguen.
Así mesmo, nesta xuntanza do Comité Sectorial acordouse que Galicia participará en diferentes grupos de traballo para impulsar estratexias tecnolóxicas que contribúan a impulsar o uso da administración electrónica.
 

Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades