A Amtega pon en marcha unha campaña de participación social para elaborar a Axenda Dixital de Galicia 2020
Data
28/07/2014

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) inicia hoxe a campaña para recoller as ideas e suxestións de toda a sociedade galega no proceso de elaboración da Axenda Dixital de Galicia 2020, aprobado no último Consello da Xunta.
A definición da nova estratexia tecnolóxica do Goberno galego baséase nun modelo de intelixencia colectiva que busca a participación de institucións, axentes económicos, sociais e de todos os colectivos que integran a sociedade galega. Así o explicou esta mañá a directora da Amtega, Mar Pereira, durante a presentación da campaña e dos últimos datos sobre a situación da Sociedade da Información en Galicia.
Cinco Desafíos
A responsable da área tecnolóxica da Xunta indicou que a campaña busca acadar a colaboración de todos os colectivos e axentes sociais na identificación e resolución dos desafíos dixitais aos que se enfronta Galicia de cara ao horizonte 2020. 
A campaña  establece dous tipos de actuacións, as dirixidas a expertos, institucións e á propia  administración, cuxas achegas se recompilarán a través de entrevistas, xornadas de traballo e envío de formularios; e a destinada a axentes sociais, económicos e colectivos sociais. Esta última articúlase desde o blog.adg2020.es, desde o que se formularán cinco desafíos sobre qué medidas ou solucións TIC poderían contribuír a mellorar cinco ámbitos: cidadanía, servizos públicos, empresas, educación e sectores primarios.
A través de blog.adg2020.es calquera persoa poderá achegar as súas propostas aos desafíos, participar nos foros de discusión sobre os mesmos ou simplemente enviar as suxestións que considere a través do mail adg2020 [at] xunta.es (adg2020[at]xunta[dot]es).
Os dous primeiros desafíos “A que servizos públicos che gustaría acceder a través da Internet?” e “Que farías en materia de accesibilidade dixital para que todas as persoas poidan facer uso dos servizos públicos dixitais?” están abertos desde hoxe e ata o 15 de setembro. A partir do 16 dese mes e ata o 15 de outubro abriranse os restantes retos para os ámbitos da empresa, a educación e os sectores primarios.
Concurso de curtas para os máis novos
Para coñecer as ideas das xeracións máis novas, a campaña prevé tamén a celebración do concurso de curtas ¿Como te imaxinas que a tecnoloxía transformará Galicia no futuro?, dirixida a mozos e mozas de 14 a 18 anos. Os interesados en participar deberán plasmar nun vídeo de tres minutos de duración máxima a súa vision sobre o futuro dixital da Comunidade. O prazo de presentación abrirase o 15 de setembro e pecharase o 30 de outubro.
Galicia acurta a fenda dixital co Estado e con Europa
O proceso de elaboración da Axenda Dixital de Galicia 2020 iníciase tras catro anos de desenvolvemento da primeira estratexia tecnolóxica de Galicia, 2014.gal, que mobilizou preto de 1.000 millóns de euros e que situou á Comunidade nun nivel de converxencia coa UE e co Estado nunca antes acadado.
 Así o constatan os resultados do “Diagnóstico sobre a Sociedade da Información nos fogares galegos” elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), en colaboración co IGE e que foi presentado esta mañá por Mar Pereira.
O informe indica que nos últimos cinco anos duplicáronse os fogares galegos con internet de banda larga contratada. En 2013 máis do 65% dos fogares galegos tiña contratado este servizo fronte ao 31,8% de 2008. En cinco anos Galicia reduciu en máis de 10 puntos a fenda con Estado neste indicador e en máis de 8 coa media europea.
A contratación da banda larga nos fogares está moi relacionada co tipo de hábitat. Os concellos de máis de 10.000 habitantes superan a media galega de conexión a Internet, acadando unha porcentaxe do 73,9% nos que contan con máis de 50.000 habitantes fronte ao 45,5% nos que teñen menos de 5.000 habitantes.
As áreas con maior presenza de banda larga son as áreas de Santiago (76,5%) e A Coruña (75,2%). As únicas tres áreas xeográficas con valores inferiores ao 50% son: Carballiño-O Ribeiro (41,5%), Lugo Sur (43,2%) e Ourense Sur (46,5%).
Un 64,8% da poboación galega utilizou Internet nos últimos tres meses fronte ao 44,9% que o facían en 2008 e o 70% dos fogares galegos conta con ordenador, preto de 20 puntos máis que hai cinco anos.
Ademais, cómpre destacar que os mozos galegos se sitúan por riba das medias estatal e europea no uso de internet, cun 97,5%. Non obstante, a medida que a idade vai aumentando, o uso da rede vai diminuíndo, tanto a nivel galego como no conxunto de España: Así, o uso de Internet entre as persoas de entre 55 e 64 anos incrementouse un 26,5% respecto do ano 2012, aínda que segue afastada das medias estatal e europea.
A convivencia con nenos en idade escolar tamén inflúe positivamente no uso das TIC: Nos   fogares nos que residen nenos de entre 3 e 16 anos o uso de internet elevase ata o 78,7%, 18,8 puntos máis que naqueles nos que non conviven nenos en idade escolar.
En canto ao uso da Administración electrónica, o 49,3% da poboación que empregou Internet nos últimos doce meses interactuaba coas AAPP para enviar formularios cumprimentados, cun crecemento do 166,5% no período 2008 – 2013
O informe está dispoñibles na web do Observatorio  www.osimga.gal
Informe completo
Resumo
 

Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades