A Axenda Dixital de Galicia prevé un investimento en 2011 de 196 millóns de euros para integrar as TIC na Administración e na sociedade

Logo osimga
Data
08/04/2011

O pasado ano o investimento do Goberno galego en materia tecnolóxica elevouse, entre capital público e privado a máis de 248 millóns de euros. En menos dun ano da posta en marcha das medidas da Axenda Dixital, avanzouse na implantación da banda larga, puxéronse en marcha novos servizos de administración electrónica e plans específicos para incorporar as TIC na sanidade, na educación e na xustiza.
Banda larga e vertebración territorial
O Plan de Banda Larga 2010-2013, en menos dun ano desde a súa posta en marcha, conseguiu reducir nun terzo a poboación sen cobertura. En 2010 puxéronse en marcha máis da metade das actuacións do Plan de Banda Larga e posibilitando a conexión á Internet a 250.000 galegos que carecían deste servizo. En 2011 o plan permitirá que a porcentaxe de galegos con acceso á rede chegue ao 83,60% fronte ao 70% existente en 2009.
Ademais, o plan está a avanzar na implantación das redes máis modernas de telecomunicacións que permiten velocidades de 100 Mbps. Este ano o plan posibilitará o acceso a estas redes a máis de 205.000 habitantes de núcleos de fóra das 7 grandes cidades. Segundo o Goberno galego a posta en marcha destas iniciativas está a conseguir que Galicia reduza a fenda interna entre as zonas rurais e urbanas. O ano pasado a diferenza media na dispoñibilidade de acceso á banda larga entre as provincias do interior e as do eixe atlántico pasou dun 20% a un 10% e a previsión é que en 2011 esta porcentaxe diminúa ata un 7%.
Administración eficiente
Mediante a agrupación dos contratos de licenzas de software para as consellerías e organismos dependentes da Xunta de Galicia, o Goberno afirma que se conseguiron mellorar as condicións de compra aforrando unha media do 37% en tres anos e reducindo en preto de 4.500 o número de licenzas ofimáticas grazas ao uso do software libre.
As TIC na sanidade, na educación e na xustiza
En 2010 a implantación da receita electrónica permitiu unha redución de 1,5 millóns de consultas para a renovación das receitas nos centros de saúde, o que supón un 30% de citas menos que en 2009. Foi o ano de consolidación deste sistema que pasou de empregarse en 176 centros a principios de ano a 443 a finais de ano, o 92% do total. Neste eido cabe destacar a extensión da historia clínica electrónica ao 100% do persoal médico.
No ámbito educativo, no curso 2010/2011 púxose en marcha o proxecto Abalar que permitiu a dixitalización de 682 aulas de 300 centros educativos de 5º de Primaria e 1º de Educación Secundaria. A día de hoxe 14.500 alumnos galegos contan cun portátil para o desenvolvemento da súa actividade formativa. No curso 2011/2011 o proxecto Abalar chegará a 300 aulas e 31.500 alumnos.
A integración das TIC na xustiza é unha das prioridades do Goberno galego, que con este obxectivo puxo en marcha o pasado ano o Plan Senda 2014. Este ano completarase a implantación de Lexnet en todos os órganos xudiciais da Comunidade.
Administración electrónica
A Xunta está a avanzar tamén no impulso da eAdministración. Así, en 2010 publicouse no DOG o decreto que fixa as bases para o desenvolvemento da futura Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dependentes.
Entre os servizos dispoñibles en liña cabe salientar os avances na implantación da facturación electrónica que permitiu centralizar e mellorar o control sobre as súas facturas e axilizar os pagamento pendentes. Grazas a posta en marcha deste sistema a Xunta pagou no 2010 aos seus provedores nunha media de 28,85 días, superando o compromiso fixado inicialmente de facelo nun máximo de 45 días. A previsión é que en 2011 a porcentaxe de facturas electrónicas tramitadas pola Xunta chegue ao 50%.
Alfabetización dixital
A Xunta de Galicia puxo en marcha o Plan de Formación 2011 da Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica de Galicia (Rede CeMIT), que recolle unha oferta de máis de 1.000 cursos gratuítos que se impartirán en 89 concellos.
Este programa, que chegará ao redor de 12.000 usuarios mediante formación presencial e en liña, impartirá nas 94 aulas que compoñen a Rede CeMIT un programa dividido en tres áreas: a alfabetización dixital, a formación multimedia e audiovisual e a formación avanzada para os profesionais galegos das TIC, microempresas e autónomos e traballadores da Administración pública.
Impulso da economía do coñecemento
A Administración autonómica investiu 37 millóns de euros en 2010, conseguindo mobilizar un capital privado de máis de 42 millóns de euros. Por tanto, un investimento total de case 80 millóns para o desenvolvemento de máis de 350 proxectos tecnolóxicos en Galicia no ano 2010.
No 2010 a Xunta de Galicia puxo en marcha a iniciativa de creación dun Centro Demostrador TIC, que entrará en funcionamento no segundo semestre deste ano. Este centro está orientado a mellorar a produtividade e competitividade das pequenas e medianas empresas (pemes), micropemes e autónomos a través da introdución das novas tecnoloxías nos seus procesos de negocio. O Centro Demostrador TIC de Galicia está dotado cun investimento de 2,7 millóns de euros.
 
Documento: Balance 2010 da Axenda Dixital 2014.gal
 

Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades