A banda larga fixa sumou 64.800 novas liñas en setembro

Logo osimga
Data
14/11/2011

A banda larga fixa sumou en setembro, segundo a CMT,  64.839 altas netas, o que supón o segundo mellor rexistro do ano e elevan o parque total até os 10,97 millóns de liñas. A cifra rexistrada ese mes é a segunda mellor do ano, só superada polas 108.017 altas de marzo, e sitúan a penetración en case 24 liñas por cada 100 habitantes.
 
Como sucedeu na maior parte deste ano, as operadoras alternativas lideraron as ganancias na banda larga. Así, en setembro, as operadoras que ofrecen servizos de banda larga sumaron 52.760 novas liñas, na maior parte de tecnoloxía ADSL. As operadoras de cable, pola súa banda, conseguiron 14.470 altas netas. Ambas as dúas cifras contribuíron a equilibrar as baixas sufridas polo conxunto de Telefónica, que perdeu perto de 2.400 liñas de banda larga a pesar de que vendeu algo máis de 12.000 liñas de fibra óptica até o fogar (FTTH).
 
A perda de liñas de Telefónica, sobre todo en ADSL (perto de 164.000 liñas no seis meses até setembro), situou a cota de mercado (medida polo número de liñas) desta operadora no 50%, o que supón unha perda de 3,5 puntos en 12 meses. Pola súa banda, os alternativos que comercializan ADSL gañaron 3,4 puntos nese mesmo período, até ocupar o 30,4% do mercado.
 
Retroceso das datacards

A telefonía móbil mostrou un crecemento algo máis moderado que no tres meses anteriores (+53.855 de altas netas) principalmente polo mal comportamento das datacards (liñas de banda larga móbil dedicadas), que perderon 36.670 liñas.
 
En setembro mudaron de operadora 469.118 liñas, o que supón a cuarta mellor cifra do ano e a quinta maior da historia.
 
A telefonía fixa perde 326.000 liñas no último ano

A telefonía fixa segue a rexistrar perdas (-15.064 liñas). Nos últimos 12 meses (setembro 2010 - setembro 2011) perdéronse un total de -326.368 liñas fixas, que agora supoñen un total de 19.425.716 liñas.
Nota mensual CMT (setembro 2011)

 

Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades