Case 27 millóns de cidadáns xa accederon a Internet

Logo osimga
Data
28/02/2011

 Así o indica o 'Perfil sociodemográfico dos Internautas 2010' do Observatorio Nacional das Telecomunicacións e da Sociedade da Información (ONTSI) da Secretaria de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información, que analiza os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE).
Durante 2010 superáronse os 26 millóns de internautas entre a poboación de 10 anos e máis, cun incremento interanual do 5,9%. Se consideramos a poboación de 16 a 74 anos, a porcentaxe de usuarios da Rede acada o 68,5% con case 23,7 millóns de internautas e un crecemento do 6% no último ano.
Ademais de incrementarse o número de persoas que accederon a Internet nalgunha ocasión tamén se intensificou o seu uso, cun incremento na frecuencia de acceso. Así, o 62,5% da poboación accedeu no último mes (21,6 millóns) e o 58,4% faino semanalmente (20,2 millóns).
O ONTSI conclúe que a diferenza de uso de Internet entre homes e mulleres viuse reducida nos últimos anos, principalmente entre os usuarios que acceden á Rede todas as semanas.
A idade é unha variábel "determinante", xa que ao diminuír a idade aumenta a porcentaxe de internautas. Doutra banda, practicamente a totalidade dos estudantes accedeu á Rede nalgunha ocasión.
Por outra banda, o nivel de estudos rematados marca as diferenzas do uso feito da Rede; canto maior é o nivel de estudos, maior é a porcentaxe de internautas.
Concretamente, as variábeis que máis discriminan á hora de determinar o perfil do internauta son a idade e o nivel de estudos rematados. Obsérvanse maiores porcentaxes de usuarios da Rede entre persoas novas e con alto nivel de estudos. As análises multivariante realizadas reflicten que a maior porcentaxe de internautas corresponde a:

  • Mulleres con estudos universitarios entre 25 e 34 anos.
  • Novos estudantes de 16 a 24 anos con estudos rematados de primeira etapa de ensino secundario.

Ao considerar a maior frecuencia de acceso (Internautas que se conectan semanalmente), as variábeis máis relevantes pasan a ser o nivel de estudos e a situación laboral, deixando de ser determinante a idade, posto que a grande maioría dos internautas que se conectaron no últimos tres meses (base desta análise) corresponden a xente nova. Así se poden observar dous perfís con porcentaxes moi próximas ao 100%:

  • Estudantes con estudos de 2ª etapa do ensino secundario.
  • Homes con educación universitaria que estudan ou traballan, ben por conta allea ou por conta propia.

En canto á evolución quinquenal dos individuos que accederon á Rede nalgunha ocasión, destácanse os seguintes aspectos:

  • Dos tres grupos estudados, o maior incremento porcentual aprezado durante este cinco anos é o dos internautas con acceso máis frecuente, é dicir, aqueles que usan a Rede todas as semanas, xa que, do 35,1% contabilizados a principio do período pásase ao 58,4% ao final do mesmo, o que representa un crecemento de 23,3 puntos porcentuais.
  • Os universitarios, os estudantes e a poboación nova (de 16 a 24 anos) teñen altas porcentaxes de internautas e reducidos incrementos, posto que xa dispoñen de porcentaxes próximas ao 100% (efecto teito).
  • De entre a poboación que accedeu á Rede nalgunha ocasión, os que posúen estudos de primeira etapa do ensino secundario rematada, experimentan o maior incremento durante os cinco anos analizados, 29,1 puntos porcentuais.
  • Un aumento quinquenal notábel é o experimentado polas persoas de entre 35 e 44 anos (25,7 puntos porcentuais), e as que teñen entre 45 e 54 anos (26,4 puntos), deixando así a súa penetración en 81,2% e 64,2% respectivamente.
  • As persoas maiores de 55 anos, as que posúen estudos primarios e aquelas que se dedican aos labores do fogar ou son pensionistas, teñen baixas porcentaxes de internautas e crecementos por baixo da media.
Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades