Protegeles.com publicou o día 11 de febreiro, con motivo do Día da Internet Segura, o informe “Menores de idade e conectividade móbil en España”, que analiza o nivel de uso dos smartphones e das tabletas por parte dos nenos e adolescentes no conxunto do Estado.
O acceso ás TIC prodúcese cada vez a idades máis temperás. Un 30% dos nenos e nenas de 10 anos de idade dispón dun teléfono móbil; aos 12 anos, esta porcentaxe ascende ao 71%; e aos 14 anos acada o 83%.
O smartphone utilízase cada vez menos para realizar chamadas telefónicas. Só un 29% dos menores de 11 a 14 anos utiliza con regularidade este dispositivo para realizar chamadas e un 25% nunca mantén conversas de voz a través do teléfono móbil.
Pola contra, o nivel de penetración da mensaxería instantánea nos menores de 11 a 14 anos é elevado. O 76% dos adolescentes utiliza WhatsApp habitualmente e, se engadimos outras aplicacións de mensaxería, esta porcentaxe ascende ao 78,5%.
O 23% dos menores de 11 a 14 anos publica habitualmente fotos e/ou vídeos en Internet, un 33% faino de cando en vez e un 44% nunca publica este tipo de contidos que, maioritariamente, realízase a través das redes sociais.
O 72% dos usuarios de 11 a 14 anos con smartphone accede a redes sociais. Esta porcentaxe é superior nos adolescentes de 13 e 14 anos, onde ascende ao 83,5% (catro de cada cinco).
Protégeles tamén achega outros datos de interese sobre o uso do correo electrónico, os xogos, música, descarga de aplicacións e privacidade nos menores de idade.
Finalmente, recoméndase unha maior implicación dos pais e nais no proceso de ensino – aprendizaxe no uso desta tecnoloxía, así como coñecer as contrasinais e realizar un seguimento periódico das conexións realizadas polos menores.
Pode consultarse o informe completo na seguinte ligazón:
http://www.diainternetsegura.es/descargas/estudio_movil_smartphones_tablets_v2c.pdf