Catro de cada cinco mozos e mozas de entre 15 e 24 anos de idade son considerados “nativos dixitais”

Catro de cada cinco mozos e mozas de entre 15 e 24 anos de idade son considerados “nativos dixitais”
Data
09/10/2013

O informe anual de medición da Sociedade da Información “MIS REPORT 2013” achega novos datos sobre o dinamismo, o prezo e as tendencias no mercado estatal das TIC.
O Índice de Desenvolvemento das TIC (IDT) incrementou tres décimas no período 2011 – 2012 no conxunto do Estado, pasando dos 6,65 aos 6,89 puntos, mantendo así a posición número 27 do ranking internacional elaborado pola Unión Internacional de Telecomunicacións (UIT).
Os prezos da banda larga fixa e móbil representaron entre un 1,3% e un 1,6% da renta per cápita respectivamente no 2012, situándose nas mesmas cotas que o ano anterior.
A UIT considera que existen 3,8 millóns de “nativos dixitais” en España (mocidade conectada con cinco ou máis anos de experiencia no uso das TIC e Internet), o que supón un 8,3% da poboación estatal e o 84,6% da poboación de 15 a 24 anos.
 

 

Mapa 1: Distribución de nativos dixitais por países en cifras absolutas (2012) representado polo tamaño de cada recadro.
A análise internacional elaborada pola UIT incide unha vez máis na existencia de grandes desigualdades territoriais entre os países desenvolvidos e aqueles en vías de desenvolvemento.
A fenda dixital no ámbito da TIC é cada vez maior, debido fundamentalmente á diferente evolución do IDT e á ausencia de recursos económicos nos países en vías de desenvolvemento.
Unha terceira parte da poboación mundial, 2.400 millóns de persoas, vive nos países menos conectados (PMC) que contan cun IDT inferior aos 2,33 puntos. A UIT estima que 1.100 millóns de fogares en todo o mundo non están conectados a Internet e o 90% deles atópanse nos países en vías de desenvolvemento.
 

 

Mapa 2: Países menos conectados (PMC), 2012
Nos países con menor valor do IDT o volume de “nativos dixitais” é mínimo, mesmo por debaixo do 1% da súa poboación e menos do 5% da poboación de 15 a 24 anos. Así mesmo, as dificultades económicas para acceder á tecnoloxía e os prezos nos países en vías de desenvolvemento impiden que a súa poboación acceda a un servizo de banda larga fixa ou móbil, pois suporía entre o 85% e o 200% da súa renta per cápita.
Pode consultarse o informe completo na seguinte ligazón:
http://www.itu.int/en/ITU-D/Statistics/Pages/publications/mis2013.aspx
 
 
 
 

Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades