A Comisión Europea presenta o segundo informe de seguimento da Axenda Dixital

A Comisión Europea presenta o segundo informe de seguimento da Axenda Dixital
Data
04/07/2012

O segundo informe de seguimento da Axenda Dixital para Europa achega os principais resultados das actuacións desenvolvidas pola Unión Europea entre xuño de 2011 e maio de 2012.

Entre os obxectivos clave establecidos na Axenda Dixital destaca o avance na cobertura de banda larga, que se amplía neste período ao 95% da poboación europea. A porcentaxe de penetración da banda larga de menos de 30Mbps situouse en xaneiro de 2012 no 28,7% para o conxunto dos Estados membros. Neste último indicador, España sitúase próximo ao 25%.

Outro dos obxectivos (target 2a) persegue que o 50% da poboación europea entre 16 e 74 anos de idade use Internet para adquirir bens e servizos no 2015. Este indicador sobre o uso do comercio electrónico (eCommerce) pola cidadanía sitúase actualmente no 43%, despois de experimentar un importante crecemento no conxunto da Unión Europea, que permite que España se aproxime ao 30%.

A proporción de cidadáns europeos entre 16 e 74 anos de idade que usaron Internet para interactuar coas administracións e autoridades públicas acadou o 41% no ano 2011, incrementando tres puntos porcentuais en relación ao ano anterior. O obxectivo do indicador 4a sobre o uso do goberno electrónico (eGovernment) persegue o 50% de cara ao ano 2015. Neste senso, España sitúase na media europea, cun valor próximo ao 40%.

Celebrada a Asemblea da Axenda Dixital para Europa o pasado mes de xuño, a Comisión Europea prevé realizar en outono de 2012 un novo informe de seguimento, que permita avaliar as prioridades e o progreso das actuacións contempladas na Axenda de cara ao ano 2015.

Na seguinte ligazón poden consultarse os indicadores de progreso da Axenda Dixital para Europa:
Cadro de mando 2012

Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades