A contratación de internet nos fogares galegos con nenos en idade escolar increméntase ata o 94%, 5 puntos máis que o ano anterior

Logo osimga
Data
21/03/2018
  • A contratación deste servizo aumenta aínda máis nos fogares onde residen estudantes maiores de 16 anos, acadando o 98,1%
  • A diferencia de contratación de internet entre os fogares nos que conviven nenos e mozos e aqueles nos que non residen rapaces é de 20 puntos
  • As barreiras principais para non ter internet nos fogares con nenos son os custos da conexión ou equipos
  • Nos fogares sen nenos a principal causa para non contratar internet é a percepción da falta de utilidade
  • A frecuencia do uso diario de internet entre mozos de 16 a 34 anos sitúase no 91,1%, 16 puntos máis que as persoas de 35 a 74 anos

 
A contratación de internet nos fogares galegos con nenos en idade escolar, de 3 a 16 anos, increméntase ata o 94%, 5 puntos máis que no ano anterior e 20 puntos máis que nos fogares nos que non residen nenos. A contratación deste servizo increméntase aínda máis nos fogares onde residen estudantes maiores de 16 anos, acadando o 98,1%.
 
Son datos do estudo “A mocidade e as TIC” correspondente ao ano 2017, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga) adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
 
 
Incremento da actividade dixital nos máis novos
Un 97,2% de mozos de 16 a 34 anos navegou por internet nos últimos 3 meses, fronte ao 66,4% das persoas de 35 a 74 anos que navegaron por Internet nese período.
 
En relación á frecuencia do uso de internet, o 91,1% dos mozos e mozas de 16 a 34 anos navega diariamente, fronte ao 75,2% de internautas de 35 a 74, o que amosa unha diferenza xeracional de 15,9 puntos porcentuais neste indicador.
 
Respecto aos hábitos dos internautas, aumentan as compras de bens ou servizos a través de internet nos 3 últimos meses entre os mozos ata o 48,7%, 3,7 puntos máis que o ano anterior e tamén entre os internautas de maior idade que alcanzan o 32%, (0,5 puntos máis que o ano anterior).
 
Respecto aos trámites coas administracións públicas, os internautas máis novos (16 a 34 anos) relacionáronse en maior medida coas administracións públicas a través de internet, especialmente na procura de información (79,5%) ou no envío de formularios cubertos (75,4%). As diferenzas cos trámites feitos por internautas de 35 a 74 anos están entre os 18 puntos no caso da procura de información e os 14 puntos no envío de formularios.
 
 
Os obstáculos no uso das TIC varían segundo a convivencia con nenos
 
As motivacións para non contratar aínda internet nos fogares con nenos e nenas en idade escolar continúan sendo os custos de equipamento e conexión. Pola contra, nos fogares que non teñen menores en idade escolar, nin estudantes maiores de 16 anos, a motivación principal para non dispoñer de internet é a percepción de que non lles resulta útil nin interesante.
 
 
Ligazón ao estudo

Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades