Empresas de Galicia e Portugal accederán a clouds de supercomputación

Logo osimga
Data
28/09/2012

O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) en colaboración cos Centros Tecnolóxicos AIMEN, CATIM e AIMMAP abre ás pequenas e medianas empresas de Galicia e o Norte de Portugal a plataforma de computación científico-técnica de alta capacidade CLOUDPYME. Este CLOUD, baseado en tecnoloxías de última xeración, está a ser desenvolvido dentro do proxecto CLOUDPYME para satisfacer as necesidades computacionais das empresas da Eurorrexión para o desenvolvemento dos seus produtos.

A simulación numérica é unha ferramenta fundamental para a competitividade das empresas, facilitando a xeración de novos produtos robustos e con gran calidade, reducindo os custos do seu desenvolvemento. Habitualmente, a empresa que xa utiliza a simulación, emprega a súa propia infraestrutura informática, bloqueando a mesma para outras tarefas necesarias ou limitando o número de ensaios. Esta nova Plataforma elimina estes inconvenientes, abrindo tamén a posibilidade de utilizar simulación numérica a aquelas empresas que aínda non a utilizan nos seus procesos de innovación, incrementando a súa competitividade. A Plataforma permite ás empresas conectarse á infraestrutura tecnolóxica instalada no Centro de Supercomputación de Galicia e ensaiar cos seus prototipos virtuais baixo demanda á medida das súas necesidades, de forma segura e confiable.

Inicialmente a plataforma ofrece o acceso a software de código aberto para CAD e CAE, que se adapta ás necesidades das empresas que están a desenvolver novos produtos. Con todo, a plataforma permite a instalación doutro software de cálculo ou análise de datos que a empresa necesite para os seus procesos de innovación.

A Plataforma ten o respaldo dunha infraestrutura de computación estable e confiable, formada por máis de 1.200 procesadores e 31.000 GB de espazo en disco, de tal forma que a empresa usuaria poida facer aqueles ensaios virtuais que considere necesarios sen limitarse por falta de capacidade, co fin de crear novos produtos competitivos.

Proxecto CLOUDPYME
O proxecto CLOUDPYME dá a oportunidade de probar esta nova Plataforma de forma sinxela, por un tempo limitado, e sen que se lle repercute ningún custo pola súa utilización. Xa pode solicitar o acceso a través da páxina web: http://www.cloudpyme.eu.
O proxecto CLOUDPYME está a crear unha infraestrutura sustentable de soporte ás Pequenas e Medianas Empresas do sector manufacturero, para mellorar a súa competitividade internacional a través da inclusión de software libre de CAD e CAE que lles axuden a mellorar o deseño dos seus produtos e procesos. O proxecto está desenvolvido polo CESGA e o Centro Tecnolóxico AIMEN (en Galicia) e os Centros Tecnolóxicos CATIM e AINMAP (no Norte de Portugal) e ofrece non só capacidade de computación senón tamén soporte técnico asociado ao deseño e simulación numérica de produtos.

Está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), dentro da segunda convocatoria de proxectos do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013 (POCTEP).

No proxecto colaboran:

O Centro Tecnolóxico AIMEN é unha asociación privada sen ánimo de lucro que proporciona servizos de Investigación e Desenvolvemento en áreas tales como soldadura, materiais e procesos de fabricación e ensaios non destrutivos (NDT). AIMEN está dedicada a mellorar os procesos de fabricación na industria e aumentar a súa capacidade competitiva. O Centro Tecnolóxico AIMEN participa en numerosos proxectos de I+D+i a nivel rexional, nacional e internacional, na maior parte dos casos en colaboración con Pemes e grandes empresas que poden agruparse nas seguintes liñas de investigación: Tecnoloxías de Unión, Tecnoloxías Láser, Materiais e Procesos de Fabricación, Deseño e Simulación e Ensaios non Destrutivos.

AIMMAP
, Associaçao dos industriais metalúrgicos, metalomecanicos e afins de Portugal , é unha institución privada, sen ánimo de lucro, establecida en 1957, formada por empresas ou entidades xurídicas que realizan actividades de enxeñaría metalúrxica, electromecánicas e similares, con base ou establecidas en Portugal.

CATIM
, conta cunha historia de máis de dúas décadas no apoio técnico e tecnolóxico ao sector Metalúrxico e Metalmecánico, promovendo a mellora da competitividade das súas empresas, centrada nos vectores calidade e innovación. Actualmente con preto de 3.000 clientes activos e 650 asociados. CATIM busca permanentemente adaptarse ás necesidades das súas empresas asociadas e clientes, sendo as principais áreas de actividade as seguintes: Innovación, Calidade, Avaliación comparativa (benchmarking ), Análise Estratéxica, Ambiente, Hixiene e Seguridade, Seguridade de Máquinas, Estudos de Ruído, Calibracións, Ensaios de Produtos, Ensaios de Materiais, Normalización e Formación.

CESGA, o Centro de Supercomputación de Galicia que depende da Consellería de Economía e Industria dá Xunta de Galicia e do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), é un organismo con 19 anos de experiencia na provisión de servizos de computación. Ten como obxectivo investigar, fomentar e difundir servizos de cálculo intensivo e comunicacións avanzadas ás comunidades investigadoras galega e do CSIC, así como a empresas e institucións. http://www.cesga.es

Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades