A Asociación Multisectorial de Empresas da Electrónica, as Tecnoloxías da Información e a Comunicación, das Telecomunicacións e dos Contidos Dixitais (AMETIC) estima que as 1.034 empresas do Hipersector TIC en Galicia contan cun total de 13.823 traballadores.
O Mapa Hipersectorial elaborado por AMETIC contempla, entre outros, os principais indicadores relativos ao número de empresas e traballadores dos seguintes sectores de actividade: Compoñentes electrónicos, electrónica de consumo, electrónica profesional, industrias de telecomunicacións, operadores e provedores de servizos de telecomunicacións, tecnoloxías da información e contidos dixitais das Comunidades Autónomas e do conxunto do Estado.
O sector das Tecnoloxías da Información agrupa no Mapa Hipersectorial da TIC ás empresas dedicadas á fabricación de equipamentos, á edición de programas informáticos e á prestación de servizos de programación e consultoría entre outros servizos. No conxunto do Estado, o sector TIC conta con 14.469 empresas que xeran 194.820 postos de traballo, que supón o 59,4% e o 50,5% respectivamente do total do Hipersector TIC. En Galicia, contabilízanse 635 empresas que suman un total de 7.233 empregados, o que supón o 61,4% do volume de empresas e o 52,3% do número de traballadores do Hipersector TIC galego. Deste xeito, confírmase que o sector das Tecnoloxías da Información aporta un maior volume de empresas e de postos de traballo ao tecido produtivo que os demais sectores do hipersector tanto a nivel estatal como autonómico.
As empresas galegas do sector das Tecnoloxías da Información contan maioritariamente con unidades produtivas reducidas segundo AMETIC, cun tamaño medio de 11,4 traballadores. Por outra banda, o sector da Electrónica Profesional e o das Industrias das Telecomunicacións dispoñen de centros de produción que agrupan un maior volume de asalariados, próximo aos 70 traballadores. O Mapa Hipersectorial das TIC mostra que a nivel estatal o tecido produtivo está constituído principalmente por pequenas e medianas empresas (PEMES), cun tamaño medio de 15,8 traballadores. Neste senso, Galicia aporta o 4,2% das empresas e o 3,6% dos traballadores en relación aos valores absolutos do Hipersector TIC no conxunto do Estado, o que demostra a importancia desta actividade produtiva na economía galega.
Enlaces:
AMETIC
ametic.es
Mapa Hipersectorial
http://www.ametic.es/CLI_AETIC/ftpportalweb/documentos/Mapa%20Hipersectorial%20AMETIC_abril2012.pdf