As empresas de Europa occidental móstranse prudentes na elaboración dos seus orzamentos para tecnoloxía en 2012; apenas unhas poucas están a planear un incremento do seu investimento nestas partidas para este ano.
IDC realizou unha enquisa o pasado mes de novembro sobre as intencións de gasto entre 590 organizacións da rexión. Entre os principais resultados extraídos desta consulta destaca que perto do 40% das compañías agardan incrementar o seu gasto externo en hardware, software e servizos TIC, mentres que o 17% indica, pola contra, que os seus orzamentos para estes conceptos caerán en 2012. O resto manterao. Só unha cuarta parte das que planean aumentalo cifran ese incremento nun 5% ou máis. En 2011, un 43% das organizacións aumentaron os seus orzamentos en tecnoloxía sobre o conxunto do ano, mentres que o 20% diminuíronos.
O mercado español do PC sofre unha baixa do 25% no último trimestre de 2011
IDC indica noutro informe que no último trimestre de 2011, comercializáronse no Estado español 1,28 millóns de computadores, un 24,8% menos que no mesmo período de 2010. Pese a todo, as previsións iniciais da consultora falaban dunha caída das vendas para o último trimestre do ano do 35%. Ademais, a baixada rexistrada entre outubro e decembro é a menor que vive esta industria en 2011, posto que no tres primeiros trimestres do ano os descensos roldaron o 40%. As vendas de sistemas persoais a empresas caeron un 33%, para totalizar 444.000 máquinas. Os 848.000 equipos comercializados aos fogares supuxeron un 19,6% menos que o ano anterior.
Por formatos, vendéronse 330.000 equipos de sobremesa, un 21% menos. Con todo, a maioría foron portátiles. Comercializáronse 958.000 notebooks (incluíndo os netbooks ou miniportátiles de baixo custo), un 26% menos que no último trimestre de 2010. Estes números reflicten que o desktop, a pesar do predicamento do que gozan as tecnoloxías móbiles, mantense e mesmo gaña certo peso.
En Alemaña as vendas de PC no último trimestre mantivéronse (baixou só un 1,6%), mentres que en Francia baixaron algo máis dun 10% e no Reino Unido caeron un 12%. Pola contra, en Portugal (-37%) e en Italia (27%) caeron de forma notable. En Europa occidental as vendas caeron un 11,5%, mentres que no conxunto de Europa, Oriente Medio e África cederon un 6,6%.