España supera a media europea en redes sociais

Logo osimga
Data
31/01/2012

Segundo o estudo da Fundación Telefónica, unha das principais tendencias que caracterizaron o comportamento dos internautas durante 2011 foi a evolución cara a o comunicador dixital permanente, usuarios que intercambian información en tempo real e que xa superan o millón de persoas en España, en total, o 9,2% dos usuarios das redes sociais. Esta tendencia consolidarase nos próximos anos xa que, segundo recolle o informe, un 29,3% dos usuarios de redes sociais teñen pensado aumentar o seu uso ou unirse a novas redes fronte a un 18,5% que reducirá a súa presenza.
A Fundación Telefónica resalta que os internautas están a adoptar dun xeito moi intensivo os hábitos sociais propios da Rede. No último ano, a porcentaxe de internautas que manteñen os seus perfís e visitan regularmente redes sociais incrementouse en 17 puntos porcentuais (pp), pasando do 39% ao 56%, e o de usuarios que se unen á “conversa na rede” medrou 21 pp, do 28% ao 49%.
Os cidadáns de España son ademais moito máis activos que os usuarios europeos. En concreto, España supera en 7pp á media de Europa 7 en usuarios creadores de contido en rede, en 8pp en usuarios conversadores, en 8pp en usuarios críticos ou que realizan comentarios, en 9pp en usuarios recolectores de información e en 10pp en usuarios que manteñen perfís e visitan regularmente redes sociais.
A progresiva dixitalización da sociedade española maniféstase tamén na transformación da comunicación interpersoal. Así, as redes sociais convertéronse no terceiro medio de comunicación entre os mozos, só por detrás do móbil e da comunicación en persoa. Por segmentos de idade, destaca que nos mozos esta evolución cara ao dixital non se realizou á conta da comunicación en persoa, que aumenta en máis de dous pp. Aínda que, nas persoas de máis de 65 anos si que se observa unha diminución na comunicación en persoa e un crecemento noutros medios como o teléfono móbil ou o correo electrónico.
Estas novas formas de comunicación favorecen a aplicación do fenómeno 'long-tail' ás relacións sociais, ao aumentar notablemente os círculos cos que os usuarios se comunican de forma habitual. Neste sentido, as redes sociais, con 25 contactos, superan xa ás relacións en persoa (22,7 contactos) e sitúanse moi por riba das chamadas a móbil (10,3), o SMS (9,6 contactos) e as chamadas a fixo (7,2).
 
Informe “La Sociedad de la Información en España 2011

Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades