Entre as conclusións do estudo de INTECO cabe salientar que aínda que aumentaron un punto porcentual os ataques de fraude con perda económica, as contías son cada vez máis pequenas. Outro dato significativo é que a pesar das experiencias negativas, os usuarios non renuncian a utilizar servizos como o comercio electrónico ou a banca en liña.
Unha parte importante dos internautas do conxunto do Estado, un 64,2%, viviu unha situación de intento de fraude recentemente, o que pon de manifesto a dimensión do fenómeno.
A fraude consiste no envío de comunicacións ou mensaxes con tácticas de persuasión que inducen aos usuarios a proporcionar datos sensibles ou a realizar unha determinada acción. O principal medio para difundir estas mensaxes fraudulentas é o correo electrónico, aínda que tamén se utilizan as mensaxes e chamadas a través do teléfono móbil. Ademais, para dar credibilidade ás estafas, os atacantes adoptan diversas ‘máscaras’ simulando ser provedores de comercio electrónico (42,6%) e bancos (39,1%).
O ‘malware’ aloxado nos equipos dos fogares tamén é un indicador da fraude potencial que sofren os mesmos, aínda que este feito non implica necesariamente que se produza unha situación de fraude. A auditoría remota dos equipos en agosto de 2011 indica que un 47,4% dos equipos aloxa ‘cabalos de Troia’ xenéricos, un 6,9% bancarios e un 6,2% ‘rogueware’.
O fin último que perseguen os ciber estafadores é obter un beneficio económico. Así, un 6,3% dos internautas declara sufrir unha perda económica a consecuencia dun intento de fraude, porcentaxe que supón apenas un punto porcentual de incremento con respecto a 2010.
En contrapartida a este incremento, a contía defraudada é cada vez menor. No 89,6% das ocasións a cantidade sitúase por baixo dos 400 euros; isto supón unha diferenza de 4,5 puntos porcentuais máis que a finais de 2010 (85,1%).
Para INTECO, fronte a estas situacións é imprescindible que os cidadáns adopten hábitos prudentes na utilización de servizos de banca e comercio electrónicos para garantir un nivel de protección axeitado
O ‘Estudo sobre a fraude a través de Internet’ realízase a partir dunha metodoloxía baseada nun panel en liña dedicado, composto por máis de 3.500 fogares con conexión a Internet repartidos por todo o territorio do Estado. No período analizado (2º cuadrimestre de 2011) até 2.405 panelistas responderon á enquisa. INTECO, analizou, ademais, os sistemas e as incidencias de seguridade de 7.865.equipos entre maio e agosto de 2011.