A Fundación Telefónica recolle no seu informe a realidade dixital de Galicia en 2011

Logo osimga
Data
26/01/2012

A Fundación Telefónica vén de presentar o seu 12º informe anual sobre “La Sociedad de la Información en España 2011”. Este informe é un dos estudos de referencia no sector das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC). A Xunta de Galicia colabora, un ano máis, a través do OSIMGA, realizando un diagnóstico da realidade dixital de Galicia que examina os seus indicadores e proxectos máis relevantes.

O informe destaca que o ano 2011 supuxo un forte impulso da Sociedade da Información en España cara á vida dixital principalmente grazas ao avance da dixitalización de contidos e das actividades alén do lecer, que medraron un 34%. Segundo os datos recollidos por Telefónica, as actividades culturais e produtivas como a formación, a lectura - tanto de prensa como de libros- e os trámites coa Administración Pública son as áreas en formato dixital que máis aumentaron ao longo do pasado ano. Por actividades, son xa 13,4 millóns de persoas as que len xornais en liña, 6,6 millóns os lectores de libros en formato dixital, e 12,3 millóns que realizan as súas xestións coa Administración a través da Rede.

O comercio electrónico é outra das claves da evolución da sociedade española cara ao consumo dixital, cun crecemento dun 23,1% da facturación respecto de 2010, até alcanzar un volume de negocio de 2.055 millóns de euros no primeiro trimestre de 2011 .

O estudo da Fundación Telefónica resalta a emerxencia dunha nova figura: o comunicador dixital permanente. Máis dun millón de cidadáns están conectados ás redes sociais en tempo real. Os usuarios en España son moito máis activos que os usuarios europeos. As redes sociais impulsan o concepto de “long-tail” das relacións ao aumentar a media de contactos habituais a 25 persoas fronte ás 7 do teléfono fixo.

O informe da Fundación Telefónica valora que durante o ano 2011 as conexións a Internet en España seguiron medrando, fundamentalmente, pola banda larga móbil, ao mesmo tempo que o teléfono móbil intelixente (smartphone) converteuse no terminal máis vendido do mundo por diante do PC. O ano 2011 veu marcado tamén polo paso cara ao uso dunha Internet máis produtiva no persoal e no profesional, alén do lecer; o dinamismo dos segmentos de poboación máis maduros; a redefinición da forma na que se están a consumir os contidos dixitais e, en xeral, na que se usa Internet.
Na súa décimo segunda edición o informe recolle os principais indicadores, datos e cambios que permiten realizar unha descrición da situación actual do sector. No capítulo inicial preséntanse as 10 claves do ano. No segundo capítulo recompílase de forma visual a información máis relevante en relación á conectividade á Rede, a dispoñibilidade de acceso... Ademais analízanse temas sobre o impacto que orixina o uso das TIC en diversos ámbitos e sectores da realidade económica e social. No capítulo terceiro realízase un estudo propio que pretende, comprender a vida e a realidade dixital. Finalmente, no capítulo cuarto, o informe recompila a visión das Comunidades Autónomas. O estudo da situación en Galicia é o resultado dun exercicio de autodiagnóstico realizado polo OSIMGA, órgano adscrito á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, creado e regulado polo Decreto 21/2010 do 4 de febreiro de 2010

A realidade dixital de Galicia nos seus indicadores e proxectos

O informe da Fundación Telefónica recolle a evolución da penetración das novas tecnoloxías na sociedade galega nos diferentes contornos socioeconómicos: poboación, empresas e empresas TIC. A principal conclusión desta análise é que no ano 2011 a Sociedade da Información en Galicia avanzou positivamente, producíndose neste período un importante crecemento nos indicadores do ámbito das TIC.

Os fogares galegos experimentaron un novo aumento no que se refire a equipamento e uso das TIC. O informe indica que o computador está presente no 65,3% dos fogares galegos, a banda larga no 51,6%, cun crecemento do 11% no período 2009 -2011. O informe salienta, especialmente, o alto nivel de uso das tecnoloxías na mocidade, permitindo alcanzar a converxencia da sociedade galega co seu contorno nese segmento da poboación.
No ámbito empresarial, consolidouse o uso das TIC nas empresas galegas, observándose un nivel óptimo de implantación e uso das TIC nas empresas galegas de 10 e máis empregados/as aínda que as microempresas seguen a ter unha materia pendente coa implantación das tecnoloxías. Apenas o 63,8% das microempresas galegas están conectadas a Internet.
Co fin de mellorar o valor destes indicadores puxéronse en marcha varias liñas de actuación no marco da Axenda Dixital de Galicia 2014.gal.
O primeiro esforzo neste ámbito centrouse en facilitar o acceso a Internet a todos os galegos mediante o Plan de Banda Larga posibilitando a conexión á Rede de milleiros de galegos que carecían de cobertura. Por outra banda, a Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica comezou a impulsar o uso da TIC co fin de fomentar a eInclusión, o benestar, a competitividade empresarial, e o impulso á eAdministración. Para iso, segundo o informe, a Rede conta con 94 aulas de formación repartidas en 89 concellos.
O Proxecto Abalar permitiu, no curso 2010/2011, dotar de equipamento 682 aulas de 300 centros educativos de 5º de Primaria e 1º de Educación Secundaria e  posibilitou que 14.500 alumnos galegos dispuxesen dun portátil para a súa formación.
No ámbito sanitario produciuse a consolidación da receita electrónica que pasou de utilizarse en 176 centros de atención primaria a principios de 2010 a 455 en setembro de 2011, o 99% del total. A historia clínica electrónica chegou ao 100% do personal médico e os servicios de telemediciña medraron un 85% nos dous últimos anos pasando de 115 a 213.
O Plan Senda 2014 posibilitou a implantación do sistema Lexnet para a presentación telemática de escritos, demandas e notificacións no eido da Xustiza. En maio de 2011, o sistema xa estaba operativo en 104 órganos xudiciais.
Galicia presenta neste informe resultados moi positivos no uso da administración electrónica por parte da cidadanía, situando a Galicia como a terceira Comunidade no uso da Administración electrónica para obter información das páxinas web e a quinta en descarga e cumprimentación de formularios oficiais.
Entre os avances de Galicia no impulso da eAdministración, o informe salienta que a publicación do decreto 198/2010 fixou as bases para o desenvolvemento da Administración electrónica galega. Entre os servizos dispoñibles en liña, destacan os avances na implantación da factura electrónica.
Galicia é a sétima Comunidade Autónoma con maior número de empresas do sector TIC (1.767 empresas en 2010). Este indicador experimentou un crecemento do 14,6% no período 2009-2010. O nivel de emprego neste sector situouse en 15.851 traballadores/as e o seu volume de negocio superou os 2.200 millóns de euros no ano 2010.
Un dos fitos do ano pasado foi a posta en marcha do Centro Demostrador TIC, punto de encontro entre o sector TIC e o resto de sectores empresariais.
O informe resalta tamén a apertura da sede electrónica da Xunta de Galicia, un instrumento que converte en realidade a posibilidade da cidadanía de relacionarse coa Administración Galega coas garantías e dereitos esixidos pola Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.
Todas as análises, informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio: www.osimga.gal
 

Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades