Galicia é a sexta comunidade autónoma con maior número de empresas do sector TIC

Logo osimga
Data
01/10/2012

Santiago, 30 de setembro de 2012.- No que vai de ano o número de empresas do sector TIC de Galicia acadou a cifra de 1.976 e experimentou un crecemento dun 4,2% respecto a 2011. Isto sitúa a Galicia como a sexta Comunidade Autónoma con maior número de empresas do sector TIC e supera o ritmo de crecemento do número de empresas tecnolóxicas a nivel estatal (3,2%)
O nivel de emprego no sector tecnolóxico situouse en xuño deste ano nos 15.484 traballadores, o que representa o 1,6% da poboación ocupada galega, porcentaxe que se mantén invariable desde o ano 2009. A pesar da actual conxuntura económica, o emprego neste sector mantense por riba dos 15.000 traballadores nos tres últimos anos.
O valor engadido bruto (VEB) do sector TIC galego representou o 2,14% do PIB de Galicia e o volume de negocio das empresas TIC galegas superou os 2.234 millóns de euros no ano 2011, correspondendo un 84,9% do volume de negocio a clientes galegos e un 13,3% ao resto de España.
Son datos correspondentes ao ano 2012, obtidos a partir da enquisa realizada polo OSIMGA, que complementanse coa información do IGE e do INE, relativa ao número de empresas, emprego e contribución do sector TIC ao PIB galego.
Perfil do tecido empresarial TIC
O perfil maioritario do tecido empresarial TIC galego é o das microempresas (menos de 10 empregados) que supoñen o 93,8%, dos que un 35,6% son autónomos. As empresas do sector TIC concéntranse principalmente nas provincias da Coruña (44,6%) e Pontevedra (32,9%) e máis da metade (52,1%) dedícase a activades informáticas
Analizando as funcións dos traballadores desde a perspectiva de xénero, constátase unha menor presenza da muller no sector TIC, que representa o 38% do persoal destas empresas. Os homes teñen maior presenza en todos os postos das empresas tecnolóxicas, agás nos administrativos, de maior presenza feminina.
As empresas TIC galegas contan con unha maioría de profesionais TIC,  un 38,1% con formación universitaria de grao superior ou medio,  e un 21,9% con ciclos formativos superiores o medios.
Maior velocidade de conexión a Internet e presenza nas redes sociais
Máis do 70% das empresas TIC galegas ten contratada unha velocidade de conexión a Internet superior a 10 Mbps, incrementándose este tramo de velocidade en 24,1 puntos nos dous últimos anos. Así mesmo resulta salientable o aumento experimentado pola banda larga móbil, que era case inexistente no ano 2010 e acada o 16,6% das empresas TIC no ano 2012. Estes datos confirman que as empresas TIC galegas están mellor conectadas e comezan a empregar as tecnoloxías móbiles para acceder á Rede.
En liñas xerais, as empresas TIC galegas fan uso, en maior medida, das ferramentas informáticas que facilitan a súa xestión interna e o intercambio de datos electrónico con clientes e provedores. Así, un 26,2% das empresas TIC enviou facturas electrónicas, experimentando un aumento do 12,9% nos dous últimos anos e un 43,4% das empresas TIC que dispoñen de acceso a Internet posúen sinatura dixital, un 13,9% máis que en 2010
Incrementouse tamén a presenza das empresas TIC en Internet, aproveitando as novas posibilidades que ofrecen as redes sociais para realizar accións de marketing e captar novos clientes: A porcentaxe de empresas TIC que posúen páxina web medra un 8,6% nos dous últimos anos, ata situarse no 68,5% e un 20% das empresas TIC galegas xa ten presenza nas redes sociais.
Máis innovación, calidade e formación
Os últimos resultados das enquisas do OSIMGA veñen a constatar que as empresas TIC galegas están a apostar firmemente polo potencial da innovación: Un 26,5% das empresas TIC desenvolveu actividades de I+D+i no período 2009-2011, lixeiramente por riba do período anterior. Destas empresas, un 69,5% obtivo produtos comercializables. Ademais, a porcentaxe de empresas TIC que teñen certificación de calidade en Galicia (22,1%) incrementouse en nove puntos porcentuais respecto do ano 2010.
Cada vez existe maior constancia por parte dos traballadores e empresarios da necesidade de formación para adaptarse ás cambiantes necesidades do sector. Así o reflicte o importante incremento acadado na porcentaxe de empresas TIC que facilitaron formación TIC aos seus traballadores, pasando do 31,7% no 2010 ao 39,9% no 2012.
 
Incremento da interacción coas AAPP a través de Internet
Un dos principais beneficios de empregar Internet na empresa é a posibilidade de interactuar coas Administracións Públicas. Neste ámbito, Galicia está por riba da media do Estado en dispoñibilidade dos servizos públicos online, o que sen dúbida influíu en que cada vez sexan máis as empresas galegas que interactúan coas AAPP por Internet.
Dúas de cada tres empresas TIC interactúan coas Administracións Públicas mediante Internet, indicador que se incrementou un 15,6% nos últimos dous anos. Todos os usos de interacción coa Administración experimentaron un significativo crecemento, especialmente a xestión electrónica completa cun aumento do 29,2%.
As compras de bens ou servizos a través de Internet experimentaron un aumento de case cinco puntos porcentuais nos últimos dous anos, situándose no 70,3%. Unha de cada catro empresas do sector TIC realizou vendas a través de Internet. Datos que veñen indicar que as empresas TIC galegas dispoñen dunha ampla marxe de mellora para a venda dos seus produtos a través do comercio electrónico.
Todos os informes e documentos do Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), órgano adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative Commons e están dispoñibles na sección documentos da web do Observatorio: www.osimga.gal.
 

Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades