Galicia incrementa a súa capacidade para xerar vocacións tecnolóxicas e reter talento dixital

Galicia incrementa a súa capacidade para xerar vocacións tecnolóxicas e reter talento dixital
Data
06/05/2023
Localización
Galicia
  • A porcentaxe de matriculados en carreiras STEM no Sistema Universitario Galego incrementouse un 3,6 % en dous anos 
  • Os titulados nestes estudos que optan por traballar fóra da Comunidade diminúe en máis de 4 puntos 
  • Preto do 80% das persoas tituladas na área STEM seguen a traballar en Galicia aos cinco anos de finalizar os seus estudos e máis dun 90% volvería a cursar a mesma carreira
  • Aumenta tamén a porcentaxe de inserción laboral nun 4% e é lixeiramente superior nas mulleres que nos homes
  • Mantense a fenda xénero no alumnado das especialidades STEM, máis acusada na FP, onde só o 12,4% do alumnado son mulleres, mentres que na Universidade a porcentaxe está nO 34%
  • Máis do 81% das empresas TIC  manifestan que é difícil ou moi difícil atopar profesionais STEM
  • Os perfís máis demandados son os especializados en cibeseguridade, en contornas programación, bases de datos, o desenvolvemento de sistemas informáticos e xestión do dato

 

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2023.-  A porcentaxe de matriculados en carreiras STEM no Sistema Universitario Galego incrementouse un 3,6% en dous anos e preto do 80% dos titulados neste área seguen a traballar en Galicia cinco anos despois de rematar os seus estudos. Así se desprende dos datos do estudo “Talento dixital: estudo da traxectoria profesional dos perfís STEM de Galicia. Edición 2023”, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga), da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, que analiza a evolución destes perfís profesionais durante o período 2019-2023.
        
Os datos sinalan que Galicia está a incrementar a súa capacidade para xerar vocacións tecnolóxicas e tamén para reter talento. En dous anos o número de persoas matriculadas en carreiras STEM pasou de 12.996 matriculacións a 13.469. Ademais, preto do 80% das persoas tituladas en carreiras STEM está a traballar en Galicia aos cinco anos de finalizar os seus estudos. A porcentaxe de titulados neste área que optan por traballar fóra de Galicia nos cinco primeiros anos da súa traxectoria laboral pasou do 24,7% no 2019 ao 20,3% no 2021. Ademais, os egresados en STEM presentan un alto grao de satisfacción cos estudos universitarios e máis do 90% volvería a cursar a mesma titulación.

A fenda xénero segue presente nos estudos STEM e é especialmente acusada na FP, na que as mulleres só representan o 12,4% do alumnado. No bacharelato o 47,5% do alumnado de “Ciencias e tecnoloxía” son mulleres pero na universidade esta porcentaxe quédase no 34% a pesares de que en ambas etapas formativas as mulleres son, globalmente, máis do 55% do alumnado.

Por titulacións, as mulleres son minoría nas carreiras de enxeñerías e tecnolóxicas (informática, industrial e telecomunicacións). Son maioría nas Ciencias Naturais e en Matemáticas partían dunha situación igualitaria pero van perdendo peso no alumnado a medida que neste grao é máis difundida a súa relación coas tecnoloxías da información.

Inserción laboral e sectores 

Respecto ao nivel de inserción laboral, o estudo sinala que o 87% das persoas tituladas na área STEM en Galicia está traballando aos cinco anos de titularse, cun crecemento do 4,1% respecto a dous anos antes. Resulta salientable que a inserción laboral das mulleres acada o 87,3% e supera lixeiramente á dos homes 86,6%.

Por outra banda, o tempo para acadar un posto de traballo entre os universitarios STEM en traballos relacionados reduciuse en máis de mes e medio.

O estudo reflicte tamén a aceleración da dixitalización no tecido produtivo e o aumento da demanda de tecnólogos e científicos en todos os sectores. Con todo, o sector TIC é a principal fonte de emprego para as persoas tituladas STEM (23,8%) seguido pola industria non TIC (16%) e as empresas non TIC de enxeñaría e servizos a empresas (13%). En cuarto lugar o sector público (Administración xeral, educación e sanitaria) emprega ao 12,6% de egresados.

Funcións actuais 

As principais tarefas relacionadas coas tecnolóxicas máis disruptivas que están a desenvolver  titulados STEM son Mobilidade, Tecnoloxías Cloud, Big Data, Ciberseguridade, Intelixencia Artificial, Tecnoloxías verdes, Internet das Cousas e Biotecnoloxía.

A estes roles súmanse as ocupacións máis “tradicionais” de  titulados STEM como estratexia e xestión do Negocio no sector TIC, programación, desenvolvemento web e administración de sistemas, mantemento e xestión de redes, webs e sistemas informáticos e Docencia en materias STEM.

As ocupacións emerxentes ou relacionadas con tecnoloxías disruptivas que máis aparecen na descrición dos empregos dos STEM son nos campos de Análise e ciencia de datos, Biotecnoloxía e Medio ambiente.

Demanda de persoal con titulación STEM no sector TIC

O 81,1% das empresas TIC que ofertan emprego para titulados STEM, indican que cubrir estes postos é difícil ou moi difícil. 

O 74,3% do persoal contratado polas empresas TIC galegas posúe titulación STEM de nivel universitario ou de Formación Profesional, o que supón un incremento do 15,7% respecto a 2021.

En canto aos perfís concretos do persoal que demanda o sector TIC, máis do 48% das empresas TIC de Galicia busca perfís relacionados coa programación, desenvolvemento de aplicacións e desarrolladores de software en xeral; máis do 20% busca profesionais relacionados coas Tecnoloxías Cloud, a Xestión do dato e a Ciberseguridade; e máis dun 18% das empresas tecnolóxicas están demandando na actualidade perfís con coñecementos en Intelixencia Artificial.

Os  resultados detallados do informe están dispoñibles na web www.osimga.gal

Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades