Galicia, a segunda comunidade con maior porcentaxe de fogares con acceso a Internet mediante conexións móbiles de banda larga (smartphone ou portátil)

Galicia, a segunda comunidade con maior porcentaxe de fogares con acceso a Internet  mediante conexións móbiles de banda larga (smartphone ou portátil)
Data
17/07/2012

O Observatorio Nacional das Telecomunicacións e da Sociedade da Información (ONTSI) fixo público onte o informe “La sociedad en red. Edición 2012” co obxectivo de dar a coñecer un conxunto de datos sobre a Sociedade da Información no ano 2011 no mundo, Europa e España, desglosando nalgúns casos os datos, por fogares, empresas e comunidades autónomas. Co documento, que se elabora dende hai 5 anos, trátase ofrecer unha serie de datos contrastados e harmonizados no contexto internacional para dispor de métricas comparativas cos países do noso contorno.

No contexto mundial destaca a tendencia decrecente da telefonía fixa (-2,5% respecto ao 2010), o crecemento da telefonía móbil (+8,4%), o incremento ata 2.400 millóns de usuarios de Internet (+18,2%), a banda larga móbil como a tecnoloxía máis usada e con maior crecemento (+36,3%) e a evolución positiva do sector TIC para alcanzar os 3,1 billóns de euros no 2011 (+4,2%).  

En canto ao espazo europeo destaca a subida de 6 puntos porcentuais na banda larga no fogar, ata alcanzar o 67% de promedio na UE27. Tamén 9 de cada 10 empresas utilizan a banda larga para o acceso a Internet, sendo España un dos países máis destacados. Respecto ao uso, o 68% dos cidadáns europeos utiliza Internet cando menos unha vez á semana, 3 puntos máis que no 2010 destacando a procura de información sobre bens ou servizos (56%) e a lectura de xornais e revistas (40%).

Polo que se refire aos datos de España, o informe repasa a situación nos fogares, detallándoos nas CCAA; nas pemes e grandes empresas, nas micropemes, nas empresas do sector TIC, así como nos usos da administración electrónica, da tecnoloxía coñecida como “cloud computing” e do impacto das redes sociais.

FOGARES

No apartado de fogares, destácase que tres de cada catro teñen algún tipo de ordenador, que o 91,5% dispoñen de teléfono móbil e que o 60,6% dispoñen de acceso a Internet. Ademais case o 70% considera fundamentais as novas tecnoloxías na educación e unha porcentaxe un pouco menor no mundo laboral (65%).

No capítulo de datos por CCAA, examínanse os datos referidos aos fogares comparando o nivel de equipamento e tipos de acceso a Internet, así como os servizos e uso das tecnoloxías da información e comunicación, mentres que non se mostran datos de empresas. Galicia mantén a  evolución positiva na penetración das novas tecnoloxías, destacando  nos datos de conexión a Internet mediante conexións móbiles de banda larga, co 18,7% está na segunda posición en el ranking de CCAA. Tamén, ten un valor destacado no uso de Internet desde portátiles en mobilidade, e dicir, fora do fogar ou traballo con máis do 41%.

EMPRESAS

No referido as empresas de máis de 10 traballadores con xa case o 100% de dispoñibilidade de ordenador, conexión a Internet, banda larga e correo electrónico, o informe destaca o incremento das redes de ordenadores sen fíos, 45,3% das empresas, e da banda larga por telefonía móbil, 14 puntos máis que no ano 2010, ata chegar ao 50,4% das empresas de máis de 10 traballadores.

Tamén, neste grupo de empresas destácase o uso dalgún tipo de software libre (75%), o envío de facturas electrónicas (43%), a sinatura dixital (63%) e o aumento do comercio electrónico, o 23% realiza compras e o 12% efectuou vendas por esa vía no 2010. Así como, a disposición a aplicar medidas para reducir o impacto medioambiental (77%) 

En canto as micropemes, ao redor do 70% dispoñen de ordenador e teléfono móbil, e o informe destaca o crecemento das conexións a Internet, sobre todo mediante 3G, aínda que hai unha grande fenda (57 puntos) entre os diferentes sectores empresariais. Ademais o 51,4% utiliza software de código aberto, sendo o 15% a penetración do sistema operativo Linux.

Respecto ás empresas do sector TIC e de contidos dixitais, o informe salienta que no 2010 a cifra de negocio alcanzou os 104.000 millóns de euros, un 2,8% menos que o ano anterior. Un sector que está composto por máis de 30.000 empresas que empregan a 459.000 traballadores, un 1,5% menos que no 2009.

NOVAS APLICACIONS

Finalmente, o informe tamén examina o impacto de tecnoloxías como o Cloud computing e as redes sociais. No caso das aplicacións na nube, o 45% das empresas coñece o seus conceptos pero só o 21,7% está usándoas na actualidade, declarando que os beneficios detectados son: aforros en tempo (71%), en custos (63%) así como melloras na produtividade (48%).

Polo que se refire as redes sociais o informe salienta que as máis coñecidas son as de ámbito persoal, aínda que o 39% dos que coñecen as de carácter profesional, afirma que as usa principalmente para buscar traballo (57,6%) ou para darse a coñecer como profesional, 30,3% dos casos. Ademais o 46,8% dos entrevistados indica que ten en conta as opinións das redes sociais antes de mercar produtos ou servizos.

Informe Anual "La Sociedad en red 2011" (Edición 2012)

Presentación Informe Anual "La Sociedad en red 2011" (Edición 2012)
 

Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades