Galicia tiña máis de 512.000 liñas de banda larga a finais de 2010

Logo osimga
Data
18/07/2011

A Comisión do Mercado das Telecomunicacións (CMT) vén de facer público o seu informe do sector por Comunidades Autónomas correspondente a 2010 que reflicte que Estremadura e Murcia son as Comunidades Autónomas con menos penetración de banda larga.
Galicia situouse nas 18,3 liñas de banda larga por cada cen habitantes a finais de 2010 e foi, tras Melilla e Estremadura, onde máis medrou a penetración cun incremento interanual do 10,8%. Lugo cun incremento do 13,5% e Ourense co 12,7% foron os territorios de Galicia onde máis medrou a banda larga durante o ano 2010. Este crecemento interanual foi do 10,5% na provincia de Pontevedra e do 10,1% na d’A Coruña.
Madrid, con 27,7 liñas por cada 100 habitantes e Cataluña, con 25,6, son as que máis penetración teñen aínda que no 2010, xunto con Asturias, foron as que menos medraron en banda larga por baixo do 7 %. Baleares co 24,9 liñas o País Vasco con 24,2 séguenlle por taxa de penetración, e están por riba da penetración estatal que é de 22,3 liñas.
Por tecnoloxías, o xDSL é a tecnoloxía de acceso máis empregada en Galicia cunha penetración de 11,8 liñas por cada cen habitantesAs provincias de Ourense (14,95) e Lugo (15,3%) experimentaron o maior crecemento interanual nesta modalidade de acceso, mentres que Galicia no seu conxunto medrou un 12,8% durante 2010.
No conxunto do Estado a penetración do xDSL é de 17,9 liñas por cada cen habitantes e as taxas máis altas están en Madrid (24,4) e Cataluña (23,9). Telefónica ten o 53,1 % da cota de mercado de banda larga no conxunto do Estado e as Comunidades Autónomas onde ten maior penetración son Ceuta co 88 %, As Illas Canarias co 71,8 %, Estremadura co 66,2 % e as Illas Baleares co 63,6%.
A modalidade de cable modem medrou en Galicia un 7,5% en 2010 até situarse nas 6,5 liñas por cada cen habitantes, unha taxa que segue a ser superior á estatal (4,4). As operadoras de cable en Asturias e o País Vasco superan as 10 liñas por cada cen habitantes.

Telefonía móbil
En Galicia xa hai 1.773.377 liñas de telefonía móbil (segmento de postpagamento), cunha penetración de 63,4 liñas por cada 100 habitantes.
Neste mercado da telefonía móbil, Movistar amosa unha cota estatal do 43,6% sobre o total de liñas activas e presentaba en 2010 as cotas de mercado máis elevadas en Navarra (60%), A Rioxa (60%) e Ceuta (56,2%).
Vodafone alcanzou as cotas máis altas en Asturias ( 36,8%) e Galicia (36,5%) mentres que a súa cota media estatal foi do 29,9%, mentres que Orange liderou en Castela e León (29,7%), Estremadura (27,1%) e Aragón (26,2%), e a cota media estatal desta operadora foi do 20,5%.
En canto a Yoigo e as Operadoras Móbiles Virtuais (OMV), a súa cota media de mercado foi do 5,9%, aínda que conseguiron no País Vasco o seu mellor rexistro, cunha cota do 15,9%, seguido de Asturias (10,4%), Galicia (9,1%) e Valencia (8,7%).
 

Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades