Increméntase un 8% o uso de equipamentos informáticos por parte dos traballadores autónomos en Galicia

Increméntase un 8% o uso de equipamentos informáticos por parte dos traballadores autónomos en Galicia
Data
23/05/2012

O informe elaborado por FUNDETEC, publicado hoxe e titulado “El Trabajador Autónomo y la Sociedad de la Información 2011”, afirma que durante o ano 2011 un 68,6% dos autónomos enquisados en Galicia dispoñen de algún tipo de equipamento informático, sendo o PC de sobremesa o recurso máis habitual entre este colectivo, xunto co PC portátil, a TPV, o Smartphone, o GPS e as axendas electrónicas.
 
No ano 2011 experimentouse en Galicia un crecemento dun 8% no uso de equipamentos informáticos por parte dos autónomos en relación ao ano anterior, pasando do 60,7% ao 68,6%. No conxunto do Estado este valor é lixeiramente inferior (o 68,4%), se ben dende o ano 2010 experimentou un crecemento importante, superior ao 20%.

FUNDETEC afirma que un 43,3% dos autónomos enquisados en Galicia considera que as subvencións e axudas á incorporación das TIC nas súas empresas é absolutamente necesaria, fronte a 4,8% que as considera innecesarias. No conxunto do Estado, as axudas para a dotación e modernización de equipamento informático é a principal demanda recoñecida polos traballadores autónomos (31,6%), seguido das axudas á dispoñibilidade de páxina web e comercio electrónico (23%), a formación TIC (20,1%), a conexión a Internet (15,3%) e o software (9,9%).

Así mesmo, o informe de FUNDETEC presenta unha interesante análise a nivel estatal de sectores como a automoción, a construción, o transporte, a hostalería e as actividades financeiras, científicas, administrativas e educativas, entre outros sectores, o que ilustra de forma representativa a progresiva incorporación das TIC na actividade laboral desenvolvida polos traballadores autónomos durante o ano 2011.

Ligazóns:

Fundetec:
www.fundetec.es

Informe 2011 sobre os traballadores autónomos:
http://www.fundetec.es/wp-content/uploads/2012/05/InformeAut%C3%B3nomosSI2011.pdf
 

Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades