Informe sobre a Situación Laboral das Enxeñarías en Informática

Informe sobre a Situación Laboral das Enxeñarías en Informática
Data
21/03/2014

O Edificio Politécnico do Campus das Lagoas, en Ourense, acolleu esta tarde a presentación do Informe sobre a Situación Laboral das Enxeñarías en Informática, que retrata a realidade profesional tanto dos enxeñeiros coma dos enxeñeiros técnicos en Informática. Na presentación, que tivo lugar diante dun nutrido número de estudantes, o presidente do CPEIG destacou a alta empregabilidade dos enxeñeiros, cun 91,77 por cento traballando. Nesta porcentaxe, “é significativamente positivo que a metade dos ocupados atopara o seu primeiro emprego en menos dun mes e que a media de titulados obteña o primeiro traballo en dous meses e medio desde que comeza a procura laboral”.
Dentro dos resultados que desprende o estudo, destaca tamén que o 98,17% dos que traballan o fan a xornada completa e tan só un 1,83% o fai a tempo parcial. En relación ao tipo de contrato, o 77,98% son indefinidos, “síntoma da estabilidade laboral que teñen os titulados tanto de enxeñaría coma en enxeñaría técnica informática”,  sinalou o presidente do CPEIG, Fernando Suárez. En canto aos sectores nos que os enxeñeiros obxecto do estudo desenvolven a súa profesión, a meirande parte (o 55,72%) traballan no eido privado.
Datos sociodemográficos
A idade dos enquisados está comprendida maioritariamente entre os 30 e os 42 anos, e a idade media é de preto de 37 anos. Destaca a porcentaxe de homes: 72,31 % do total, fronte a un 27,69 por cento de  mulleres.
Datos específicos da Enxeñaría de ciclo longo
Dentro da análise desagregada dos colexiados do CPEIG (colexio que reúne os licenciados na Enxeñaría Informática de ciclo longo), a ocupación acada o 90,77% do total. Máis da metade das enxeñeiras e enxeñeiros en Informática acceden ao mercado laboral antes de rematar os estudos, principalmente no quinto curso.
Atopan o primeiro emprego ao cabo dunha media de 2,46 meses desde que comeza a busca do mesmo e na súa traxectoria profesional levan traballando nunha media de 3,18 empresas diferentes. A maioría (79,49%) traballa por conta allea, preferentemente nunha empresa do sector privado pertencente ao eido das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC).
Universo do estudo
O informe global sobre a situación laboral das Enxeñarías en Informática realizouse, a través de Internet, a partir dun total de 494 enquisas, 341 dos enquisados son colexiados do CPEIG e o resto, do CPETIG.

 

Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades