INTECO informa que máis do 90% dos internautas utilizan programas antivirus nos equipos informáticos dos fogares

Logo osimga
Data
10/10/2012

INTECO achega o “Estudo sobre a seguridade da información e a e-confianza dos fogares españois”  correspondente aos primeiros catro meses de 2012.

O estudo achega os resultados da enquisa realizada a usuarios de Internet nos fogares dende xaneiro a abril de 2012. Como principais medidas de seguridade dos usuarios destaca o uso de programas antivirus (90,7%), as contrasinais (77,5%) e devasa no 76,6% dos casos.

Como principais hábitos de comportamento seguro na Internet destaca que máis do 81% evita pinchar en anuncios ou seguir enlaces sospeitosos no uso de Internet, do correo electrónico, o chat, a banca e o comercio online.

As incidencias de seguridade máis habituais están relacionadas coa recepción de correos non desexados, no 68,3% dos casos durante os últimos tres meses. Un de cada cinco usuarios recoñecen que sufriron incidencias relacionadas con virus informáticos e outros tipos de malware. Neste senso, un 41,8% dos enquisados consideran que están capacitados para solvertar as incidencias e apenas o 10% solicita os servizos de profesionais e servizos técnicos.

INTECO estima que Internet orixina confianza, en termos xerais, a máis do 90% dos enquisados. Considérase que o nivel de confianza redúcese na medida en que as accións están automatizadas e o usuarios teñen un menor control directo das aplicacións.

Máis do 80% dos usuarios considera necesario que as administracións públicas se impliquen máis na seguridade de Internet, solicitando como medidas prioritarias o desenvolvemento de ferramentas de seguridade (29,7%), unha vixilancia máis próxima do que acontece na Internet (18,3%) e unha actualización e reforma lexislativa que recolla e penalice os novos delitos virtuais (13,1%).

Pode consultarse o estudo na seguinte ligazón

 

Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades