INTECO publica unha guía de actuación para combater o ciberacoso infantil

INTECO publica unha guía de actuación para combater o ciberacoso infantil
Data
12/11/2013

O Instituto Nacional de Tecnologías de la Comunicación (INTECO) presenta unha nova campaña de concienciación e actuación contra o ciberacoso infantil, enmarcada na Agenda Digital para España.
Esta campaña social inclúe a publicación da “Guía de actuación ante o ciberacoso”, complementada con tres guías S.O.S. monográficas, con consellos prácticos para combater o acoso infantil e o acoso entre menores a través de Internet.
O denominado “ciberbullying” ou acoso entre menores nun entorno TIC considérase un problema derivado da hiperconectividade e o uso inadecuado de Internet a través do móbil a idades temperás.
  
Táboa 1: Evolución porcentual das situacións de ciberbullying coñecidas polos pais e nais. Fonte: Observatorio INTECO.
 
Un 5,1% dos pais e nais consultados son conscientes de que outros menores exercen ciberacoso sobre o seu fillo ou filla, mentres que un 3,5% sabe que o menor insulta, ameaza ou acosa a outros, ou que realiza gravacións e difunde imaxes doutros sen o seu consentimento. Cómpre destacar que este último indicador incrementou 10 puntos porcentuais en menos dun ano.
Este dato contrasta coa aparente redución do ciberbullying pasivo e activo por parte dos pais, o que podería estar agochando as dificultades dos pais e dos educadores para detectar e actuar fronte a situacións de ciberacoso entre os seus fillos e fillas.
A difusión de imaxes ou comentarios a través de Internet, con especial atención ás redes sociais, incrementa na medida en que os menores utilizan con maior frecuencia a tecnoloxía móbil e Internet a idades máis temperás, polo que está a converterse nun problema social de primeiro nivel na infancia e a adolescencia dos países desenvolvidos.
Este problema social tamén repercute no denominado “grooming” ou acoso dun adulto cara un menor iniciado nun entorno TIC, coa finalidade de establecer unha relación ou un control emocional sobre os menores e provocar situacións de abuso sexual no futuro.
 
Táboa 2: Evolución porcentual das situacións de grooming coñecidas polos pais e nais. Fonte: Observatorio INTECO.
 
De novo, os datos achegados por INTECO mostran unha aparente redución dos casos de “grooming” coñecidos polos pais e nais, pero alertan de posibles erros na detección e prevención destas situacións de risco por descoñecemento ou ocultación por parte dos menores.
Deste xeito, a guía ofrece unha serie de recomendacións orientadas aos familiares e aos educadores, así como as medidas legais que poden adoptar no caso de identificarse situacións de ciberacoso.
Tamén poden consultarse outros informes vinculados a esta guía e á campaña de prevención do acoso infantil nas seguintes ligazóns:
INTECO (2009): Guía sobre ciberbullying y grooming
INTECO (2009): Estudio sobre hábitos seguros en el uso de las TIC por niños y adolescentes y e-confianza de sus padres  
EMICI (2011): Protocolo de actuación escolar ante el ciberbullying
AEDEL (2011): Guía Azul: Consejos sobre privacidad, defensa contra abusos para menores y conservación de evidencias electrónicas para menores y sus tutores
INTECO (2012): Estudio sobre la seguridad de la información y la e-confianza de los hogares españoles
 

Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades