Máis da metade dos fogares de Galicia contan con conexión a Internet contratada de Banda Larga, un 11% máis que no ano 2010

Máis da metade dos fogares de Galicia contan con conexión a Internet contratada de Banda Larga, un 11% máis que no ano 2010
Data
21/05/2012

Máis da metade dos fogares de Galicia (51,6%) teñen contratada a conexión a Internet mediante banda larga, un 11% máis que no ano 2010, segundo os últimos datos do INE 2011. As principais formas de conexión a Internet a través de banda larga na Comunidade son o ADSL (o 55,6% dos fogares con conexión a Internet) e o cable/fibra óptica (28,4%). Entre as vivendas que dispoñen de acceso a Internet en Galicia, un 18,7% accede mediante conexión móbil de banda larga, o que supón o 5,6% máis que a media estatal.
Por outra banda, a porcentaxe de galegos con posibilidade de contratar o servizo de Internet sitúase hoxe no 90% fronte ao 70% de 2009. Este incremento do 20% na accesibilidade á rede nos últimos dous anos foi posible grazas ás actuacións desenvolvidas no marco do Plan de Banda Larga da Xunta de Galicia.
O ritmo de crecemento de Galicia é superior á media estatal en varios indicadores sobre equipamento e uso das TIC pero non se acada a converxencia coa media estatal debido, principalmente, ao envellecemento e dispersión poboacional xunto coa súa singular orografía.
Así, en Galicia, o 34,5% da poboación ten máis de 55 anos fronte ao 27,7% de España e as 7 grandes cidades de Galicia só concentran o 35,7% da poboación. Isto unido a unha retrasada posición de partida en 2009 con preto de 800.000 galegos sen posibilidade de acceso á Rede fan que Galicia sega ocupando as últimas posicións no conxunto do Estado. Esta situación estase a reverter paulatinamente grazas ao Plan de Banda Larga que a día de reduciu en máis de 460.000 os galegos sen cobertura.
Maior equilibrio social e igualdade de oportunidades
Este Plan, cun investimento público-privado de 87 millóns de euros no período 2010-2011, permitiu reducir de 20 a 5,5 puntos a fenda dixital entre a Galicia rural e urbana, o que facilita a accesibilidade, a cohesión territorial, o equilibrio social e a igualdade de oportunidades en todos os ámbitos da sociedade.
Desde a posta en marcha do Plan Galicia incrementou en preto dun 35% o número de fogares con conexión de banda larga contratada con respecto ao 2009, crecendo por riba da media estatal e europea. Para incrementar este valor e diminuír a barreira económica que supón para moitas familias o acceso a este servizo, a Xunta de Galicia destina este ano máis de 570.000 euros para subvencionar a contratación de Internet a familias galegas con rendas per cápita iguais ou inferiores a 9.000 euros.
Para superar a barreira da formación, especialmente entre as persoas en risco de exclusión dixital, a Xunta de Galicia conta actualmente coa Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica, que durante o ano 2011 formou a máis de 10.000 usuarios e que este ano triplica a oferta formativa e duplica a previsión de usuarios.
Uso das TIC
Os últimos datos do INE de 2011 datos mostran que Galicia segue por riba da media do conxunto do Estado no grupo de idade de 10 a 15 anos en uso de ordenador, Internet e telefonía móbil. No uso do ordenador a porcentaxe de uso entre os nenos galegos é do 96,7% e do 95,6% para o Estado. Para o uso de Internet, a porcentaxe é dun 88,8%, fronte ao 87,1% do conxunto do Estado.
O uso dos servizos de comunicación avanzada por Internet, por parte do conxunto de internautas galegos tamén presenta niveis superiores aos dos internautas do resto do Estado. Un 53,3% dos internautas de Galicia participan nas redes sociais, fronte ao 52,3% da media estatal. Un 75% le ou descarga xornais ou revistas en liña, 5,8 puntos porcentuais por riba da media estatal. Un 69,4% busca na Rede información sobre educación ou formación, 5,9 puntos porcentuais por riba da media estatal. E un 66,2% dos internautas galegos consulta wikis ou enciclopedias en liña, 8,5 puntos porcentuais por riba da media estatal.
Terceira comunidade no uso da eAdministracón
Cómpre destacar os avances da aplicación das medidas da Axenda Dixital no desenvolvemento da Administración electrónica e que teñen o seu reflexo nos bos resultados que segue a obter Galicia na interacción coa cidadanía e as empresas a través de Internet.
Un 42,9% dos internautas galegos descargou formularios oficiais (7,3 puntos máis que a media estatal) e un 28,6% enviou formularios cumprimentados a través de Internet (3,1 puntos por riba da media estatal). Estes datos sitúan a Galicia como a terceira comunidade autónoma con maior uso da Administración electrónica para descargar formularios oficiais e a cuarta en envío de formularios cumprimentados ás Administracións públicas.
Ademais, un 75,3% das empresas de 10 e máis asalariados/as interactuaron coas AAPP a través da Rede, co conseguinte aforro de tempo e facilidades para a xestión e tramitación, aínda que esta porcentaxe sitúase no 45,7% no caso das microempresas.
Impulso das TIC entre as mozas galegas
Neste ano 2012, a temática do Día de Internet céntrase no impulso das mulleres no sector TIC e o fomento do uso das TIC entre as nenas, facéndose un “chamamento a que os gobernos promovan políticas de fomento e participación das mulleres nos estudos e as carreiras profesionais TIC”.
Segundo datos proporcionados polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), no ano 2011 , en Galicia o 65,2% dos homes fixeron uso da Rede fronte ao 52% das mulleres, é dicir, existe unha diferenza de 13,2 puntos porcentuais. Non obstante, a tendencia é positiva e un 90,3% mozas galegas de 25 a 34 anos utilizan Internet, porcentaxe moi similar á rexistrada entre os mozos galegos (91,4%). As mozas galegas mesmo toman vantaxe no uso de Internet, superando lixeiramente a media estatal que se rexistra para as mozas neste tramo de idade (88,6%).

Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades