Máis de 4 de cada 5 empresas tecnolóxicas galegas utiliza software libre

Máis de 4 de cada 5 empresas tecnolóxicas galegas utiliza software libre
Data
27/01/2024
  • Un informe publicado polo Observartorio da sociedade da información e comunicación de Galicia (OSIMGA) destaca que a metade das empresas TIC oferta bens ou servizos ao seus clientes en software libre
  • O uso deste tipo de programacións supera ás privativas no caso dos navegadores de internet, xestión de contidos web, aplicacións de desenvolvemento de software, aplicacións de deseño gráfico e para a formación
  • Os produtos máis ofertados son para a xestión de contidos, páxinas web e marketing dixital; así como sistemas de virtualización, servidores e aplicacións na nube

O uso do software libre mantívose por riba do 84% nas empresas TIC galegas en 2022, segundo o estudo sobre uso deste tipo de programación nas empresas TIC de Galicia no ano 2022, publicado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA). O 84,1% empregan este tipo de software nos seus equipos informáticos, sexan ordenadores ou servidores, o que representa unha tendencia estable nos últimos anos. 

As aplicacións libres con maior implantación nas empresas galegas seguen a ser os navegadores de internet e as aplicacións ofimáticas libres, as de xestión de contidos web e xestor de correo electrónico, todos eles cunha presenza superior ao 49% no sector.

As empresas TIC galegas como provedoras de solucións libres

O 51,1% das empresas TIC que venden produtos de software, ofertou bens ou servizos en software libre no 2022.

Sobre o total de empresas TIC, os programas que máis distribúen as empresas TIC en versión de Software Libre son: Xestión de contidos, páxinas web, marketing dixital, Sistemas, servizos de virtualización, servidores e aplicacións na nube, E-commerce e Ofimática, ofrecidas todas elas por máis da cuarta parte das empresas que venden software.

No 2022, o 89% das empresas TIC que ofrecen produtos ou servizos de Software Libre  proporcionan consultaría tecnolóxica de Software Libre, un 4,2% máis que o ano anterior; e un 64,2% das empresas TIC proporciona consultaría de servizos de Software Libre propio, experimentando un incremento do 4,6% respecto ao ano 2021.

Motivación para a elección do software libre

As razóns polas que algunhas empresas afirman non contar con Software Libre son principalmente a percepción de que “Non ofrecen as prestacións necesarias” (56,9%), seguido da opinión da “Falta de provedores ou soporte” (34,1%).

O principal motivo polo que as empresas non ofrecen produtos baseado en solucións libres é que non está na liña de negocio da empresa.

A maioría dos usuarios perciben o custe do software libre como principal vantaxe pero o resto de cualidades quedan bastante máis atrás.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia fomenta o software libre no ámbito empresarial a través de diversas accións formativas e de divulgación que contan co soporte da Oficina de Software Libre.

Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades