En Galicia existen 3.346 autónomos dedicados ao sector TIC, o que representa o 22,1% do total de traballadores deste sector. Máis do 60% dos integrantes deste colectivo centra a súa actividade profesional na reparación de equipos informáticos e na edición de programas informáticos e videoxogos. En segundo lugar, cunha porcentaxe do 28,3% están os que se dedican a actividades informáticas, portais web e procesamento de datos. As actividades comerciais TIC empregan ao 7,5% dos autónomos e as de telecomunicacións ao 3,1%.
En termos xerais, nos últimos tres anos obsérvase un incremento dos autónomos do sector que desempeñan actividades comerciais ou actividades informáticas, deseño de portais web e procesamento de datos. As cifras tamén amosan que, ao igual que nas empresas do sector, persiste a fenda de xénero, xa que as mulleres representan o 29% dos autónomos TIC.
Boa percepción do seu negocio e do futuro do sector
Son parte dos datos que se desprenden do informe “Os autónomos TIC de Galicia”, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA) -adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega)
Trátase do primeiro estudo específico que se realiza entre os autónomos do sector tecnolóxico na Comunidade e que pon de manifesto que máis do 47% considera que a súa empresa se atopa nunha situación de consolidación. Así mesmo, o informe recolle que preto do 45% estima que o sector tecnolóxico atravesará unha situación expansiva ou de estabilidade nos próximos tres anos
Interese pola innovación e a formación
O informe indica que un 45,4% dos autónomos TIC galegos estaría interesado en formarse en tecnoloxías, preferentemente en bases de datos, infraestruturas TIC como servidores ou almacenamento, seguridade informática e protección de datos, e administración de sistemas e sistemas operativos. Tamén se observa un incipiente interese por formarse en modelos de negocio baseados en Cloud Computing.
Ademais, o estudo reflicte a capacidade de innovación entre os autónomos TIC galegos xa que un 21,2% innovou en bens novos e un 15,2% apostou pola innovación dos seus servizos.
Entre as innovacións introducidas, máis da metade (58,3%) foron dirixidas cara á propia empresa, e un terzo foron novidade para o seu mercado. Os bens ou servizos nos que máis innovaron os autónomos TIC foron as actividades de apoio para os seus procesos, xunto cos sistemas de xestión dos coñecementos
Escasa automatización da xestión empresarial
O estudo pon de manifesto que a implantación das aplicacións informáticas para a xestión empresarial está moi por debaixo das sociedades TIC, con máis de 20 puntos de diferenza no caso da sinatura dixital e na xestión administrativa de compras e vendas e a máis de 10 puntos no caso do envío da factura electrónica
En canto ás novas tendencias tecnolóxicas, o 26,3% dos autónomos TIC galegos xa optaron pola Cloud Computing, unha porcentaxe non está tan afastada da acadada polas sociedades TIC (34,7%).
Presenza en Internet e redes sociais
Con respecto á súa presenza en Internet, só o 44,4% dos autónomos TIC galegos ten páxina web, valor moi inferior ao das sociedades TIC (83%). As razóns principais para non dispoñer de web son: a percepción da falta de demanda derivada do tipo de actividade e a falta de recursos para creala e mantela.
Aínda que presenza dos autónomos TIC nas redes sociais é inferior á das sociedades do sector, (un 17,2% fronte a un 33,9%), a predisposición ao uso futuro das redes sociais é 5,8 puntos porcentuais maior traballadores por conta propia que nas sociedades do sector.
Necesidade dun forte impulso do comercio online
Respecto ao uso do comercio electrónico, dous de cada tres autónomos TIC empregaron Internet para a compra de bens ou servizos e só un 13,7% empregou a Rede para realizar vendas.
A metade dos autónomos TIC galegos non venden a través de Internet porque consideran que os seus produtos non son axeitados para a venda a online.
Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio www.osimga.gal
Informe_Autonomos_TIC_2013