- Increméntase a velocidade de conexión nas microempresas, o 58,4% dispón de máis de 10 Mbps, 9,1 puntos máis que no ano anterior
- Máis do 25,6% das empresas de 10 ou máis empregados acceden a Internet con redes de 100Mbps ou máis
- O tecido empresarial galego supera ao conxunto do Estado no uso da Administración electrónica, da sinatura dixital e na incorporación de técnicas de Big Data
- Máis do 85% das empresas de 10 ou máis traballadores e preto do 40% das microempresas galegas dispón dalgún plan interno de seguridade
O 58,4% das microempresas galegas con conexión a Internet posúe velocidades de contratación superiores aos 10 Mbps, 9,1 puntos máis que no ano anterior. No caso das empresas galegas de 10 ou máis empregados, cabe salientar o aumento nas velocidades superiores aos 100 Mbps, que acadan xa unha porcentaxe do 25,6%, 3,3 puntos máis que no ano anterior.
Son datos recollidos no informe “A Sociedade da Información nas Empresas de Galicia”, correspondente ao ano 2017, publicado hoxe polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). O estudo analiza a integración das TIC no tecido empresarial galego, conformado por un total de 198.923 empresas; 1.385 máis que o ano anterior, das que o 96,3% son microempresas - con menos de 10 traballadores.
Aumento da banda larga móbil e das velocidades de contratación de Internet
A contratación de Internet está amplamente estendida nas empresas galegas, especialmente nas de máis de 10 traballadores onde acada o 98,5%. Nas microempresas, o 62,7% tamén posúen conexión a Internet contratada.
Increméntase o uso de banda larga a través de telefonía móbil. Nas empresas de máis de 10 traballadores, esta porcentaxe acada o 80,5% mentres que nas microempresas con conexión a Internet, a banda larga móbil sitúase no 69,2%.
Tamén cabe destacar que un 58,4% das microempresas con conexión a Internet posúe velocidades de contratación superiores aos 10 Mbps, 9,1 puntos máis que no ano anterior. No caso das grandes empresas, destaca o significativo aumento nas velocidades superiores ao 100 Mbps, que acadan xa o 25,6%, 3,3 puntos máis que no ano anterior.
Aumenta o uso de sistemas de control e análise de datos
A porcentaxe de empresas galegas que incorpora a análise Big Data é dun 4,3% nas microempesas, triplicándose no caso de empresas de maior tamaño. Son porcentaxes reducidas pero cunha evolución positiva que sitúa as empresas galegas por riba da media do conxunto do Estado neste indicador.
A sinatura dixital é utilizada por catro de cada cinco empresas de máis de 10 traballadores e por preto da metade das microempresas con conexión a Internet. A sinatura dixital nas empresas galegas supera xa a media de España e destaca, especialmente, o incremento experimentado nas microempresas galegas (7,8 puntos no último ano).
A compra dalgún servizo de Cloud Computing nas empresas galegas de 10 ou máis traballadores aumentou 4,9 puntos porcentuais, chegando a un 16,4% en empresas con sede na nosa Comunidade.
O uso de sistemas de xestión de información do cliente, CRM, está claramente influenciado polo tamaño da empresa. Nas de 0 a 9 traballadores a súa utilización é do 7,6%, mentres que nas empresas de máis de 10 traballadores, acada ao 33,2% en empresas con sede en Galicia.
A visibilidade na estratexia empresarial e a publicidade en Internet
Un 33,1% das microempresas con conexión a Internet está presente en redes sociais, e un 42,4% no caso das grandes empresas. A presenza en medios sociais durante o ano 2017 aumenta en 4,5 puntos porcentuais entre as microempresas galegas.
Un 8,5% das microempresas pagan por anunciarse en Internet, se ben esta porcentaxe chega case a triplicarse entre as empresas de máis de 10 traballadores con sede e/ou actividade en Galicia (un 23%).
Á cabeza no uso da Administración electrónica
Máis do 96% das empresas de 10 e máis asalariados interactuou coas Administracións Públicas a través de Internet. No caso das microempresas, a porcentaxe sitúase no 74,6%. Ámbolos tramos empresariais galegos superan a media do conxunto do estado na descarga de formularios e na presentación de impresos cumprimentados.
Con respecto ao comercio electrónico, un 20,5% das grandes empresas con sede e/ou actividade en Galicia venderon a través de Internet fronte ao 2,4% no caso das microempresas. En termos de evolución, o indicador experimenta estacionalidade respecto do ano 2016, tanto a nivel galego como no conxunto de España.
Política de seguridade
A seguridade é un tema vital importancia a nivel empresarial. Así, un 85,2% das empresas de 10 ou máis traballadores e o 39,6% das microempresas galegas dispón dalgún plan interno que defina a súa política neste ámbito.
O gasto total das empresas galegas en produtos ou servizos TIC superou os 202 millóns de euros, se ben as diferencias entre as pequenas e as grandes empresas son novamente sobresaíntes, de xeito que o 69,5% do gasto total foi realizado polas empresas de 10 ou máis traballadores.
Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio: www.osimga.gal
Ligazóns: