A porcentaxe de cidadáns que afirman ler en formato dixital incrementouse no últimos seis meses no conxunto do Estado até superar o 50% da poboación (52,5%). Enténdese como lector en soporte dixital aquel que le cunha frecuencia cando menos trimestral, nun computador, un teléfono móbil, unha axenda electrónica ou un e-Reader. No entanto, apenas o 6,8% da poboación afirma ler libros neste formato. O número de lectores en soporte dixital, non só de libros, medrou no primeiros seis meses do ano 4,7 puntos respecto ao ano 2010 (do 47,8% ao 52,5%). No que se refire aos libros, o incremento é de 2,1 puntos respecto ao primeiro cuadrimestre de 2010 e 1,5 puntos respecto da media do pasado ano.
Estas son algunhas das conclusións que se recollen no Barómetro de hábitos de lectura e compra de libros do primeiro semestre de 2011, elaborado pola Federación de Gremios de Editores de España (FGEE) co patrocinio da Dirección Xeral do Libro, Arquivos e Bibliotecas do Ministerio de Cultura.
Segundo o Barómetro, os cidadáns seguen empregando maioritariamente o soporte dixital para a lectura de xornais (34,3%) ou para a consulta de webs, blogues, foros, etcétera (41,8%). Os lectores dixitais seguen empregando maioritariamente o computador para ler (51,6%), o 6,3% le no móbil e na axenda electrónica e só o 2,1% do total le libros en formato e-Reader (0,8 puntos máis que a finais de 2010). É importante sinalar que o 3% dos entrevistados aseguran ter un E-book, o que supón un incremento do 75% no últimos seis meses. Cantabria (6,7%) e Madrid (5,5%) son as rexións que mostran unha maior porcentaxe de poboación con E-book.
Ao contrario do que ocorre coa lectura en papel, a porcentaxe de lectores en soporte dixital é superior entre os homes (60,6%) que entre as mulleres (44,5%) Por tramos de idade, A diferenza máis acusada, 73 puntos, prodúcense entre os mozos de 14 a 24 anos (83,7%) e os maiores de 65 anos (10,7%).
As diferenzas entre os lectores dixitais tamén se incrementan polo nivel de estudos. O 75% dos que contan con estudos universitarios utilizan as novas tecnoloxías, porcentaxe que descende ao 24% entre os que só contan con estudos primarios. Ademais, os residentes en municipios de maior tamaño presentan unha porcentaxe de lectores dixitais superior á media. Hai que ter en conta que as áreas rurais acumulan maior número de poboación da Terceira Idade e con menor nivel de estudos o que inflúe notablemente nesta variable.
A porcentaxe de nenos de entre 10 e 13 anos que len en formato dixital sitúase no 47,8%. A porcentaxe de nenos que le libros neste formato é do 12,3%, aínda que a maioría decántase pola consulta a webs, blog ou foros. Case nove de cada dez nenos lectores en soporte dixital utilizan o computador para ler. Un 2,5% dos lectores dixitais emprega un e-Reader.
A Federación de Gremios de Editores de España (FGEE) vén realizando o Barómetro de hábitos de lectura e compra de libros desde o ano 2000. Os resultados anuais obtéñense a partir dunha mostra de 13.400 individuos (6.700 cada semestre).