Mellora o coñecemento do Software Libre na sociedade

Logo osimga
Data
14/11/2012

O estudo realizado dende PortaProgramas, cuxos datos xa están dispoñibles, superou este ano os 5.000 participantes procedentes de ata 35 países de fala hispana o que supón unha excelente participación, algo máis do dobre que o ano pasado.

Os datos que reflicten este estudo permiten ter unha fotografía do estado actual de valoración e uso do Software Libre na sociedade. Isto facilítaralle á comunidade de software libre avaliar como os usuarios están a percibir o seu traballo e facer autocrítica e detectar aqueles puntos do coñecemento, uso e confianza nos que se pode mellorar.
Segundo recolle o resume deste informe publicado, as principais conclusións tiradas do estudo son as seguintes:

  • No que respecta ao coñecemento do Software Libre, destacar a diminución dun 10% o número de usuarios que confunde software libre con software gratuíto, aínda así, un 18,9% segue confundindo ambos conceptos.
  • En canto ao uso do Software Libre, destacan os seguintes datos:
    • Aumentan nun 15% os usuarios que utilizan software libre de forma regular. Case 9 de cada 10 usuarios enquisados recoñece usalo habitualmente.
    • Os usuarios que máis abandonan o uso do Software Libre son os usuarios do sistema operativo Windows, normalmente aducindo a falta de compatibilidade como motivo principal.
    • Os usuarios de Android son os que nunha maior porcentaxe descoñecen se usan Software Libre ou non.
  • En canto á confianza no Software Libre , esta diminúe un 7%, aínda que unha terceira parte dos que desconfían nel non o teñen usado nunca, o que permite aventurar que a desconfianza vai moi ligada ao descoñecemento.
  • Finalmente en canto á imaxe do Software Libre e as preferencias dos usuarios, destacar:
    • O software libre está considerado como unha opción segura, funcional e cunha boa asistencia.
    • Os usuarios dubidan máis das funcionalidades do software libre que da súa seguridade ou do nivel de actualización.
    • Os usuarios buscan primeiro programas libres; despois que sexan funcionais e en terceiro lugar valoran a súa gratuidade. O que máis condiciona ao usuario medio á hora de decantarse por un programa é en moitas ocasións a súa condición de software libre, por encima de que sexa gratuíto. Despois valorarían a súa funcionalidade, se resulta sinxelo, útil, eficaz e satisfai a súa necesidade. O último factor serían as recomendacións externas (páxinas de internet ou coñecidos).

 

Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades