As mulleres de Galicia de entre 35 e 64 anos utilizan máis as tecnoloxías que os homes

As mulleres de Galicia de entre 35 e 64 anos utilizan máis as tecnoloxías que os homes
Data
26/01/2024
Localización
Galicia
  • O 89,1% das mulleres galegas declara usar internet, fronte ao 89,5% dos homes, que só as superan de xeito significativo a partir dos 65 anos
  • As mulleres son tamén as que máis usan internet en formularios e tramitacións on-line da Administración electrónica, así como para participar en redes sociais, educación e actividades relacionadas coa saúde
  • A fenda de xénero aínda é detectable no caso de actividades relacionadas co software, como instalalo, descargalo, configuralo ou transferir arquivos

As mulleres de Galicia de entre 35 e 64 anos usan internet máis que os homes, e, ademais, as de entre 45 e 64 anos superan tamén aos homes no uso de dispositivos electrónicos. Nas franxas de idade inferiores aos 35 anos, o uso das tecnoloxías é practicamente o mesmo entre homes e mulleres, con índices que superan o 99%.

O informe “Mulleres en dixital: o uso das TIC desde unha perspectiva de xénero”, que ven de publicar o Observatorio da Sociedade da Información e a modernización de Galicia da Xunta (OSIMGA), indica que só se manteñen diferencias detectables nas persoas maiores de 65 anos. Nesta franxa, un 85,4% das mulleres utiliza dispositivos electrónicos, fronte a un 89,9% dos homes e un 57,7% das mulleres declaran usar internet, fronte a un 62,3% dos homes.

As características da poboación de Galicia explican que, tendo en conta todas as idades, o 89,1% das mulleres declaren usar internet, unha porcentaxe que é do 89,5% no caso dos homes.

Tamén é superior o ritmo ao que crece o uso de internet entre as mulleres que entre os homes. O crecemento de internautas galegas no período 2019-2022 foi de 4,5%, mentres que os homes creceron un 4,2% nese mesmo período.
O informe de OSIMGA, que depende da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, analiza comparativamente os principais indicadores que definen as diferenzas de xénero no uso das tecnoloxías en Galicia, a partir de datos obtidos no marco do convenio asinado co Instituto Galego de Estatística (IGE).

Uso de Internet, Comercio Electrónico e e-Administración

A proporción de mulleres que compran a través da rede no 2022 acada o 60,5%, cun crecemento de case o 20% dende o ano 2019, cando a porcentaxe das internautas galegas que compraban na rede era do 50,9%. Por tramos de idade, compran máis as mulleres ca os homes por internet ata os 54 anos, e invértese a tendencia nos maiores, ata superar os 8 puntos porcentuais a prol dos homes entre os 65 e 74 anos.

Con todo, en termos globais, a porcentaxe de homes que compran a través da rede en Galicia supera en 0,3 puntos á das mulleres.

No relativo ao uso da Administración Dixital, no ano 2022, as mulleres superan aos homes en todas as actividades analizadas e que serven para informarse ou realizar trámites electrónicamente.

O 81,1% das mulleres que usan internet obteñen información das Administracións Públicas e máis do 80% descargan e envían formularios oficiais cumprimentados. O 61,6% das mulleres descargaron no último ano documentos persoais xerados pola administración.

Comportamento na rede: Servizos e actividades de Internet utilizados

As diferenzas entre galegos e galegas, no relativo ás actividades e servizos que utilizan na rede varían en función da natureza das actividades. Ambos sexos amosan como actividades máis comúns na internet a mensaxería instantánea, busca de información, ler novas e usar o correo electrónico.

As mulleres superan aos homes nos hábitos de participación en redes sociais, educación online e actividades relacionadas coa saúde. 

Pola contra, nas actividades relacionadas co software como son instalalo, descargalo, configuralo ou transferir arquivos, o nivel de uso das mulleres sitúase varios puntos porcentuais por detrás dos homes.
 

 

Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades