- Neses tramos de idade as mulleres navegan máis pola Rede, fan máis compras online e empregan a administración electrónica en maior medida que os homes
- A fenda dixital de xénero faise patente a partir dos 55 anos e chega a superar os 9 puntos porcentuais entre os maiores de 65 anos
- Galicia reduce a fenda de xénero no uso de internet (3 puntos) e sitúase por debaixo da media española (3,9 puntos) e europea (4 puntos)
- A formación gratuíta en TIC a través da Rede CeMIT facilita o acceso á tecnoloxía a máis de 74.000 galegos dos cales o 58% con mulleres
- A Amtega publica hoxe o estudo monográfico “A Sociedade da Información dende una perspectiva de xénero”, elaborado polo Osimga
As mulleres galegas entre os 16 e os 54 anos superan aos homes no uso de Internet e a partir dos 55 anos evidénciase a fenda dixital de xénero. Esta é unha das principais conclusións do estudo monográfico “A Sociedade da Información dende una perspectiva de xénero”, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
O informe constata que en Galicia, a fenda dixital de xénero no uso de Internet continúa a reducirse de forma lenta pero constante, experimentando unha diminución de 0,8 puntos no último ano. Pola contra, a nivel estatal increméntase 0,7 puntos porcentuais respecto ao ano anterior.
Posición no contexto europeo e estatal e evolución
O 75,5% dos homes e o 72,5% das mulleres galegas utilizaron Internet nos últimos tres meses. Mentres que en Galicia, o uso de Internet nos últimos tres meses é 3 puntos porcentuais maior entre os homes que entre as mulleres, no conxunto do Estado a diferenza é de 3,9 puntos.
Con respecto á media europea, a fenda dixital de xénero no uso de Internet en Galicia está 1 punto por debaixo da media da Unión Europea (4 puntos) e ao mesmo nivel de países como Alemaña ou Bélxica. Cabe salientar que a fenda de xénero en Galicia é inferior á que se rexistra en Croacia (8 puntos), Austria (7 puntos) e Italia (6 puntos). No extremo oposto, os países con menor fenda de xénero respecto á media europea como Dinamarca, Finlandia e Irlanda (-2 puntos, con vantaxe das mulleres) e Lituania (-1 punto).
Factores influentes na fenda de xénero
A fenda de xénero no uso de Internet presenta unha tendencia marcada pola idade, sinalando unha ruptura dixital arredor dos 55 anos. Así, entre os máis novos as mulleres superan ou igualan aos homes no uso de Internet, mentres que a partir dos 55 anos as distancias aumentan sensiblemente en detrimento do uso feminino da Rede ata chegar aos 9,4 puntos porcentuais entre os maiores de 65 anos.
Atendendo ao nivel formativo, a fenda dixital de xénero afecta con máis intensidade ás persoas con menor nivel de estudos, para igualarse a partir da formación secundaria. Estudantes e ocupadas son os grupos laborais que rexistran unha menor fenda dixital de xénero, achegándose á universalidade entre as primeiras e cun alto grado uso entre as segundas. Pola contra, as mulleres dedicadas ás tarefas do fogar, con algunha discapacidade ou xubiladas son as máis afectadas polas diferenzas de sexo á hora do acceso á Rede.
Respecto á influencia do hábitat na fenda dixital segundo o sexo, a fenda de xénero é máis acusada nas vilas galegas de máis de 20.000 habitantes, onde supera os 4 puntos porcentuais. Pola contra, os concellos de menos de 5.000 habitantes amosan menor diferenza.
As mulleres empregan máis a administración electrónica
O estudo analiza tamén a interacción coas Administracións Públicas a través de Internet, observándose como as internautas galegas relaciónanse a través da Rede, en maior medida, coas Administracións Públicas que os homes.
O uso do comercio electrónico en termos globais é 2 puntos superior entre os homes que entre as mulleres galegas, aínda que sensiblemente inferior á fenda que se rexistra no conxunto do Estado (6,1 puntos porcentuais). Novamente as diferencias entre idades son notorias. Mentres que entre as mulleres de 25 a 34 anos o uso de comercio electrónico é dun 52,5%, superando en 4,4 puntos aos homes (48,1%), as diferenzas vanse acortando ou invertendo a medida que aumenta a idade.
Plan de Inclusión Dixital de Galicia
A mellora das infraestruturas de telecomunicación e as iniciativas para dinamizar o uso das TIC a través do Plan de Inclusión Dixital teñen contribuído en boa medida ao incremento no uso das TIC en Galicia. A rede de aulas públicas CeMIT conta con máis de 74.000 usuarios dos que o 58% son mulleres.
A formación pública en colaboración con outros axentes públicos e privados está a contribuír a achegar as TIC ao tramo de poboación galega con máis dificultades no acceso ás TIC: os maiores.
Ligazón ao estudo