Case un 18% dos libros producidos en España durante 2011 tiña formato dixital. Isto supón un crecemento do 55% respecto dos rexistrados o ano anterior. Así o afirma a segunda parte do estudo "Situación actual y perspectivas del libro digital en España" do Observatorio da Lectura e o Libro, publicado esta semana polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, no que se resalta o crecemento lento mais continuado dos índices de lectura dixital.
O informe, que extrae as súas cifras do rexistro do ISBN, indica que o ano pasado ano publicáronse en Galicia 470 libros electrónicos, un 13,4% do total da produción editorial galega e o 2,3% da produción estatal.
O estudo destaca o incremento das obras electrónicas editadas na nosa lingua durante 2011, un total 323 lanzamentos neste formato fronte aos 102 rexistrados en 2010. Isto supón unha suba do 216,7% fronte ao crecemento medio dun 44% para o conxunto das linguas estatais.
Os rexistros sobre a produción de ebooks nas distintas linguas mostran incrementos significativos respecto ao ano anterior con carácter xeral, destacando que o castelán ocupa boa parte da oferta, con máis de 8 de cada 10 libros publicados. Séguenlle o catalán, o galego e o éuscaro. En todas elas rexístranse incrementos respecto ao ano anterior, pero os máis significativos son os relativos a libros dixitais en galego e en catalán. A edición de libros dixitais en linguas estranxeiras representa algo máis do 3%. Os idiomas máis frecuentes son o inglés e o portugués, seguidos de lonxe polo francés, o alemán e o italiano presenza na oferta dixital respecto ao ano anterior.
D’acordo co último informe sobre “Hábitos de Lectura y Compra de Libros en España”, a porcentaxe de lectores dixitais aumentou desde un 48,6% a principios de 2010 até un 52,7% a finais de 2011. Aínda que máis da metade dos españois le xa en formato dixital, apenas o 6,8% leu este tipo de libros en 2011.
No entanto, esta cifra supuxo un aumento respecto ao 5,3% rexistrado en 2010, unha porcentaxe que sobe ao 13,7 no caso dos mozos de entre 14 e 24 anos e que evidencia que o mercado dixital do libro evoluciona "a paso lento pero continuado". Durante o pasado ano rexistráronse un total de 20.119 libros electrónicos, segundo os datos da Axencia Española do ISBN, que reflicten tamén a tendencia a publicar menos títulos en papel, de maneira que entre 2009 e 2011 a edición tradicional experimentou un descenso do 15%.
O estudo indica que o pasado ano máis de 500 editoriais publicaban xa libros dixitais, a maioría delas sen deixar de lado o libro en papel. Pese ao maior crecemento do soporte dixital, as súas vendas representan polo d’agora unha cota moi residual en comparación co total das vendas de libros.En 2010 a facturación do libro dixital só chegou ao 2,4% do total de ingresos do sector, con 70,5 millóns de euros, o que supón que só 1 de cada 50 euros facturados procedía dese mercado. Por comunidades, Madrid, Cataluña, Andalucía e Valencia acaparan case o 90% dos libros dixitais rexistrados.
O informe destaca que durante 2012 continuará a aceleración do mercado do libro dixital grazas á crecente oferta e á proliferación de plataformas e librarías que cobren a distribución e venda. A entrada de Amazon no mercado español está a axilizar a reconversión das editoras e librarías e lembra que, con algunhas excepcións, foron as editoras independentes as que abriron o camiño.
O observatorio conclúe que o avance do libro dixital en España depende en gran medida de conseguir unha maior facilidade de acceso aos contidos. O lector tamén quere prezos máis competitivos, destaca o estudo, que aposta por equiparar a fiscalidade do libro dixital á do de papel, ademais de incorporar solucións tecnolóxicas que proporcionen maior seguridade aos dereitos de autores, editoriais e axentes literarios.