O 20% das facturas da Xunta xa son electrónicas

Logo osimga
Data
23/02/2011

En concreto, tramitáronse de electronicamente 11.306 dun total de 56.252 no ano pasado, o que permitiu un aforro de case 37.700 euros, tendo en conta o sistema que emprega o Ministerio de Industria para calcular a diminución de custes por evitar facturas en papel. Deste xeito, a factura electrónica permite un aforro anual só nas dez consellerías da Xunta de algo máis de 187.500 euros.
Entres as vantaxes deste modelo, están que os provedores cobran antes se utilizan o sistema electrónico de facturación, que permite ofrecer un mellor servizo a cidadáns e empresas, que propicia menores custes, así como unha xestión moderna, rápida e eficaz, e que é un sistema doado, seguro e accesible as 24 horas do día e os 365 días do ano.
A Xunta de Galicia pagou no ano 2010 aos seus provedores nunha media de 28,85 días. Desta maneira superou o compromiso fixado hai un ano de facelo nun máximo de 45 días e anticipouse dous anos á lexislación europea sobre pagamentos en menos de 30 días a partir de 2013. A galega é a Administración autonómica que está a pagar con maior axilidade aos seus provedores.
Ademais, un portal electrónico permite centralizar as facturas, incorporalas ao sistema e consultar o seu estado de tramitación, co cal o sistema gaña en transparencia.
Datos de usuarios e facturación
Na actualidade un total de 1.360 empresas empregan xa este sistema electrónico de facturación e conta xa con máis de 3.500 usuarios rexistrados. Ademais, os responsables do modelo constataron que canto máis se coñece este sistema máis emprega, xa que o número crece mes a mes. Os datos acumulados no ano 2010 recollen que o rexistro tramitou máis de 56.000 facturas e máis de 1.000 millóns de euros de facturación.
Unha vez consolidado este Sistema Electrónico de Facturación nas consellerías, no Igape e no CIXTEC, o presente ano outros nove organismos dependentes do Goberno galego comezaron a empregar este sistema.
O seguinte obxectivo é implantar a facturación electrónica e nas próximas semanas está previsto que saia o primeiro expediente a través de licitación electrónica. Esta actuación enmárcase nunha estratexia global para acadar unha Administración áxil, eficiente e próxima ao cidadán.

Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades