Estratexia
Segundo a Xunta de Galicia, o Mapa de Capacidades Tecnolóxicas no ámbito sociosanitario ha servir para aproveitar o potencial que ten Galicia no eido tecnolóxico aplicado a saúde e o benestar. A Administración autonómica contempla tres eixos de actuación. Por unha banda, o deseño das tecnoloxías necesarias para o futuro definindo a demanda tecnolóxica de xeito anticipado. Por outra, a orientación das políticas de financiamento da Xunta cara as necesidades de futuro e apoiando aos diferentes axentes na captación de financiamento externo. A terceira liña de actuación da Xunta céntranse en accións destinadas a levar a investigación ao mercado.
Iniciativas
Os proxectos recollidos no Mapa elévanse a 162, desenvolvidos durante os últimos dez anos, dos que a maioría, o 35% corresponde a solucións relacionadas coa historia clínica electrónica así como co desenvolvemento de sistemas de información para a xestión e a organización sanitaria. O datos recompilados no Mapa apuntan avances noutras áreas como a telemediciña, a teleasistecia e a telemonitorización de pacientes, onde se están a centrar un 23% dos proxectos. Precisamente, nestas dúas áreas xunto coas solucións orientadas a asistencia social, é onde se detecta un maior potencial de colaboración entre os tres axentes do ecosistema tecnolóxico sociosanitario galego.
No 20% dos proxectos existe colaboración entre 2 ou 3 axentes da cadea e neste sentido desde a Administración autonómica búscase favorecer a colaboración entre axentes do sistema de I+D+i e a transferencia de coñecemento dende a investigación ao mercado e elevar esta porcentaxe. O propio mapa contribuirá a aumentar a visibilidade entre os diferentes axentes da cadea de cara a fomentar a colaboración entre eles e incrementar esta capacidade de transferencia tecnolóxica. Ademais, a información recollida no mapa permitirá aproveitar o coñecemento xerado ata o momento e coñecer a oferta tecnolóxica actual do sector.
Axentes
O Mapa identifica 16 grupos de investigación, repartidos entre as tres universidades galegas; tres centros tecnolóxicos: Gradiant, Cesga e Citic; e as empresas, un total de 24 das que 16 son pemes e 8 grandes empresas. Cómpre destacar que os grupos de investigación do ámbito sociosanitario representan en torno a un 20% do total de grupos de investigación e o persoal que os integra supón preto do 30% do persoal galego en tecnoloxía.
Proxectos
No 2009 a Xunta subvencionou 15 proxectos tecnolóxicos do ámbito sociosanitario que mobilizaron un importe de 2,3 millóns de euros. En 2010 foron 19 as iniciativas subvencionadas que suman un orzamento total de 5,5 millóns de euros entre capital público e privado.
Galicia comeza a captar financiamento público externo a través de convocatorias estatais e europeas. Nos últimos tres anos a Comunidade participou en 10 iniciativas tecnolóxicas a nivel estatal e europeo cun orzamento total de 26 millóns de euros. Estes datos revelan o aumento do potencial do sector en Galicia para desenvolver solucións cada vez máis innovadoras.