O Instituto da Muller presenta o estudo “Formación profesional das mulleres e novos xacementos de emprego”, coa finalidade de analizar a ocupación do colectivo feminino en seis sectores económicos con potencial de crecemento no conxunto do Estado.
Esta entidade pública, dependente do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, destaca o sector TIC como elemento estratéxico de emprego cara un novo modelo produtivo baseado na economía do coñecemento.
O estudo alerta da persistencia dunha fenda de xénero no sector TIC. As mulleres representan o 28% da ocupación en TIC e concentran a súa actividade profesional nas actividades administrativas.
A presenza feminina nos postos directivos do sector TIC supera en 7 puntos porcentuais a media do conxunto de sectores económicos, acadando un 37% fronte ao 30% doutros sectores.
No tocante á formación, o Instituto da Muller estima que nos últimos anos produciuse un importante retroceso na presenza de alumnas nos estudos relacionados coas TIC. A participación das mulleres en especialidades de Formación Profesional no ámbito TIC sitúase no 14% e no Ensino Superior no 17%.
Pode consultarse a presentación do estudo na seguinte ligazón:
http://www.inmujer.gob.es/actualidad/noticias/2013/Diciembre/NPestudnuevosyacimientosempleo.htm