Estas son algunhas das principais conclusións que se recollen no Barómetro de hábitos de lectura e compra de libros elaborado pola Federación de Gremios de Editores de España (FGEE) co patrocinio da Dirección Xeral do Libro, Arquivos e Bibliotecas do Ministerio de Cultura.
A lectura dixital
Enténdese como lector en soporte dixital, aquel que le, polo menos cunha frecuencia trimestral, nun ordenador, un teléfono móbil, unha axenda electrónica ou un e-Reader. A lectura de libros neste formato alcanza ao 5,3% da poboación. Os cidadáns seguen empregando maioritariamente o soporte dixital para a lectura de xornais (30,7%) ou para a consulta de webs, blogues, foros, etc (37,6%).
Practicamente a totalidade dos lectores dixitais le a través do ordenador (46,5%), o 6,9% emprega o móbil ou a axenda electrónica. Só un 1,3% le mediante un e-Reader.
En canto ao xénero, é moi significativo que os homes superen en hábitos de lectura no eido dixital ás mulleres en 12 puntos, cando os datos do Barómetro volven pór de manifesto que a porcentaxe de mulleres lectoras –en calquera formato- (61,6%) é moi superior á dos homes (52,2%). Ademais, en xeral, obsérvase como o índice de lectura entre as mulleres aumentou entre 2008 e 2010 en 4,4 puntos mentres que o dos homes apenas se incrementou en 0,3 puntos porcentuais.
No caso da lectura dixital existe unha diferenza importante en canto ao nivel de estudos, pois o 74,6% son universitarios, aínda que a diferenza máis acusada prodúcese entre os mozos de 14 a 24 anos que len en formato dixital (80,0%) fronte aos maiores de 65 anos que son un 8,7%. Non obstante, a taxa xeral de lectura tamén diminúe segundo aumenta a idade.
O lecer segue a ser o principal motivo de lectura de libros (85,2%). O 9,1% dos enquisados le para mellorar o seu nivel cultural e un 5,5% por estudo, aínda que son os mozos de entre 14 e 24 anos os que aseguran, en maior proporción (21%), facelo por este motivo.
As materias e as linguas de lectura
Entre as materias do último libro lido, os lectores decántanse polas obras de literatura (78,9%), principalmente novela e conto (75%), seguida a moita distancia polos libros de humanidades e ciencias sociais (12,8%) e os Científico-técnicos, medicamentos e bioloxía (2,7%).
O castelán imponse como idioma habitual de lectura para o 93,1% da poboación. No caso da lectura habitual máis a ocasional, todas as lectoras e lectores do Estado len en castelán (99,9%), o 23,5% en inglés, o 16,9% en catalán, o 8,1% en francés, o 4,6% en valenciano, un 4,4% en galego e un 2,2% en éuscaro.