O 58% dos fogares galegos teñen contratado o servizo de conexión a internet, un 19% máis que a comezos do ano 2010

Logo osimga
Data
03/09/2012

Santiago, 3 de setembro de 2012- O 58,3% dos fogares galegos ten contratada conexión a Internet, o que supón un incremento do 19,2% desde principios do ano 2010. Este indicador creceu en Galicia o dobre que no conxunto do Estado, reducindo en 4,6 puntos a fenda dixital respecto da media estatal.

En canto ao tipo de conexión o 55,9% dos fogares galegos conéctase a Internet mediante banda larga, un 20,2 máis que en 2010. Ao igual que no caso anterior o crecemento deste indicador na Comunidade duplica a media estatal. 

Cómpre salientar a mellora experimentada tamén na calidade do servizo de conexión á Rede. Un 59,2% dos fogares galegos que dispoñen de Internet teñen contratada unha velocidade superior a 4 Mbps, sendo o ADSL a tecnoloxía de conexión máis empregada nos fogares galegos.

Así o recolle o Informe sobre a Sociedade da Información na Poboación de Galicia correspondente ao ano 2011, que presentou hoxe a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Amtega.

Para a realización deste estudo que avalía a evolución da penetración das novas tecnoloxías
na sociedade galega, o OSIMGA contou co asesoramento e colaboración do Instituto Galego de Estatística. O traballo de campo consta de 1.692 enquisas presenciais nos fogares galegos.

A enquisa ofrece información estratéxica sobre o equipamento dos fogares galegos e o uso das TIC por parte da poboación galega así coma unha perspectiva comparada dos diferentes contornos socioeconómicos que coexisten en Galicia e que inflúen no avance das TIC na nosa Comunidade: idade, o tipo de hábitat, o sexo, o nivel de estudos, a situación laboral, o volume de ingresos e a convivencia con nenos/as ou estudantes no fogar.

Equipamento
O ordenador portátil é o equipamento preferido polos galegos e galegas para conectarse á Rede, sendo destacable a porcentaxe dos que se conectan a través do teléfono móbil (43,4%). 

Sete de cada dez fogares galegos dispoñen de ordenador, experimentando un crecemento do 14,8% no período 2010-2011 o que sitúa  a media galega a menos de 1 punto de distancia de media estatal.

A presenza de nenos en idade escolar obrigatoria no fogar é un factor que incrementa a dispoñibilidade de ordenador, elevando a porcentaxe ata o 88,9%.

Redúcese a fenda no uso das TIC, especialmente en fogares con nenos
O 62,3% dos galegos empregou o ordenador nos últimos tres meses, superando en 4,5 puntos a porcentaxe que se rexistraba a principios de 2010 e reducindo a fenda dixital coa media estatal en 2,6 puntos.

Maior é o avance rexistrado no uso de Internet. Un 60,3% da poboación galega utilizou a Rede nos últimos tres meses, 6,7 puntos máis que a principios do ano 2010, diminuíndo en 3,8 puntos a fenda dixital respecto ao resto do Estado. 

A convivencia con nenos en idade escolar é un factor determinante e positivo no uso das TIC e así o pon de manifesto o feito de que a porcentaxe de uso de Internet nos últimos tres meses en fogares onde residen nenos elévase ao 77,4%, superando en 17,1 puntos a media da poboación galega.

Esténdense a participación nas redes sociais
A enquisa analiza tamén os contidos e servizos de Internet aos que accede a poboación galega e a frecuencia de utilización da Rede, destacando o uso do correo electrónico (88,7%) e a procura de información sobre bens ou servizos (74,6%). A consulta de wikis (70,1%), a participación en redes sociais (66,9%) e a lectura ou descarga de xornais e revistas (63,5%) son as opcións nomeadas por máis do 60% dos internautas galegos. A banca electrónica é empregada polo 43,6% das persoas que utilizaron Internet nos últimos tres meses.

Outra das conclusións que se extraen deste diagnóstico é que se observa un uso intensivo de Internet entre os internautas galegos. O 66,5% dos galegos que utilizaron Internet nos últimos tres meses fanno a diario e un 32,9% entre 5 e 20 horas semanais.

Factores que condicionan o avance das TIC
Pese a esta evolución positiva da penetración das TIC entre os galegos e galegas, o Observatorio sinala que a posición de Galicia no contexto autonómico non é a desexada e o diagnóstico realizado analiza, polo miúdo, cales son os condicionantes sociodemográficos que determinan o grao de penetración das tecnoloxías na sociedade galega.

En primeiro lugar, o OSIMGA sinala o envellecemento da poboación como un dos factores de maior peso. Mentres que máis do 90% dos galegos de 16 a 44 anos empregan a Rede, tomando vantaxe sobre os do resto de España, o uso de Internet diminúe significativamente a partir dos 45 anos e a diferenza coa media estatal supera os 9 puntos no tramo de idade de 45 a 64 anos.

En segundo lugar, o hábitat poboacional segue a ser outro dos factores que determinan claramente a fenda dixital existente en Galicia. O dato de contratación da conexión a Internet elévase nas grandes cidades ata o 67,9%, case 10 puntos por riba da media galega e converxendo xa coa media estatal (a só 2 décimas) mentres que nos 199 concellos rurais de menos de 5.000 habitantes a porcentaxe descende ata o 43,3%.

Administración electrónica e Comercio electrónico
Segundo os datos do OSIMGA o 51,2% dos internautas galegos utilizou a administración electrónica para obter información no último ano. A Xunta de Galicia é a Administración coa que a poboación galega ten máis interacción a través da Rede. A interacción coas Administracións Públicas para o envío de formularios cumprimentados a través de Internet acada o 24,2%, experimentando un aumento de 3,9 puntos porcentuais no período 2010-2011.

No capítulo de compras a través de Internet cabe salientar que o 16,4% da poboación galega mercou bens ou servizos a través da Rede nos últimos tres meses, cun aumento de 2 puntos porcentuais desde principios de 2010, acorde coa tendencia alcista observada desde o ano 2009. As viaxes e aloxamentos de vacacións son os produtos máis demandados a través de Internet.
 
Resumo executivo
Informe completo
Indicadores de banda larga
 

Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades