O estudo foi elaborado polo OSIMGA, en colaboración coa Oficina de Coordinación FLOSS, no marco da encomenda realizada pola Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica á Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia. Este proxecto forma parte das iniciativas impulsadas pola Axenda Dixital 2014.gal da Xunta de Galicia.
A finalidade desta investigación é obter información, elementos de diagnóstico, seguemento e avaliación que permitan determinar a situación e a evolución dos indicadores da Sociedade da Información no relativo ao Software Libre entre as empresas galegas dedicadas á informática. O traballo de campo contou coa realización de 275 entrevistas entre as empresas informáticas de Galicia.
O informe analiza o grao de penetración do Software Libre e do Software Propietario segundo as características das empresas e a súa dispoñibilidade en ordenadores e servidores. Analízanse tamén as motivacións e perspectivas das empresas informáticas que non utilizan o Software Libre, ofrecendo a perspectiva de evolución destes produtos no futuro e da súa utilidade e beneficio percibido polas propias empresas informáticas de Galicia.
Principais indicadores sobre o Software Libre nas empresas informáticas de Galicia
O informe do OSIMGA revela que o Software Libre está presente no 72,2% das empresas informáticas galegas. Isto supón un aumento de 2,9 puntos porcentuais con respecto ao ano 2008 e de 14,3 puntos con respecto a 2006. Se ben a evolución é menor que nas empresas de 10 e máis empregados/as do resto de sectores, xa que a posición de partida era xa maior o que reflicte que o Software Libre está amplamente consolidado no sector TIC.
A porcentaxe de empresas informáticas con Software Libre nos ordenadores de usuario é do 68,6%. Cabe salientar o aumento de máis de 10 puntos porcentuais na dispoñibilidade de Software Libre nos ordenadores das empresas de 3 a 9 empregados / as no período 2008-2010. No caso dos servidores, un 49,3% dispoñen de Software Libre. Isto supón un importante incremento de 9,7 puntos na porcentaxe de empresas informáticas con Software Libre nos servidores no período 2008-2010.
As aplicacións de Software Libre máis frecuentes son: navegador de Internet (58,3% libre fronte ao 66,2% propietario), ou ofimática (47,6% libre fronte ao 69,7% propietario).
O nivel de satisfacción co uso do Software Libre é elevado (8 puntos nunha escala de 0 a 10), e superior ao nivel de satisfacción co Software Propietario (7,3 puntos). Un 51,5% das empresas informáticas galegas consideran que o uso do Software Libre aumentará nos vindeiros anos. Esta opinión tamén é maioritaria ao seren preguntados pola evolución das aplicacións de Software Libre en ordenadores de usuario e en servidores.
Un 48,5% das empresas informáticas que proporcionaron formación TIC facilitaron aos seus técnicos formación en Software Libre. No caso do persoal usuario, esta porcentaxe sitúase no 26,5%.
O 27,8% das empresas informáticas galegas non usan Software Libre. A maioría delas non o utilizan por incompatibilidade cos sistemas informáticos actuais da empresa (24,3%), ou por descoñecemento ou falta de información (22,2%).
Máis de dous terzos das empresas informáticas que non utilizan Software Libre aínda non tomou en consideración o seu uso (68,6%), aínda que descende 11 puntos porcentuais a porcentaxe de empresas informáticas que afirma que nunca utilizarán Software Libre . Isto supón que as empresas que non o usan, non teñen prexuízos contra do software libre e probablemente estarían abertas ao seu emprego, o que evidencia unha boa situación para a evolución do mercado do software libre.
Un 36,3% das empresas que non dispoñen de Software Libre cre que se beneficiaría co seu uso, sendo as máis optimistas as empresas de entre 3 e 9 traballadores.
Outros dos aspectos de interese do estudo do OSIMGA é a análise que realiza sobre as empresas informáticas galegas como provedoras de solucións TIC. Neste capítulo cabe salientar que algo máis da metade (50,1%) das empresas informáticas ofertan produtos ou servizos de software aos seus clientes. O 59,7% delas ofrecen produtos de Software Libre. Esta oferta medrou de xeito moi significativo (15,2 puntos porcentuais) no período 2008-2010. No entanto este dato contrasta coa percepción de falta de provedores de software libre nas empresas de 10 e máis empregados/as dos outros sectores. Evidénciase a necesidade dunha mellor difusión da oferta existente. O Centro Demostrador TIC de Galicia está chamado a ser este punto de encontro da oferta e a demanda.
As aplicacións de Software Libre máis ofertadas polas empresas informáticas son os programas de ofimática (35,9%), navegadores de Internet (31%) e xestores de correo (28,3%). En xeral, o nivel de satisfación das empresas informáticas co resultado do Software Libre é elevado, destacando aspectos relacionados coa produción e mantemento de software (7,4 puntos nunha escala de 0 a 10) xunto cos resultados económicos da venda do software (7,1 puntos).
As liñas para a potenciación do Software Libre en opinión das empresas informáticas deberían orientarse cara á demostración de produtos (37,9%) e a formación aos usuarios / as en Software Libre (35,9%), %), liñas prioritarias no Plan de Acción FLOSS da Xunta de Galicia.
Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio: www.osimga.gal
Resumo executivo (pdf, 635 KB)
Descargar informe completo (pdf, 2,22 MB)