Así o indica a última vaga do "Estudio sobre seguridad en dispositivos móviles y smartphones", correspondente ao segundo cuadrimestre de 2011, elaborada polo Instituto Nacional de Tecnoloxías da Comunicación (INTECO).
O informe detalla que aínda que o roubo e a perda dos teléfonos móbiles son as incidencias máis habituais, 14,8 % e 19,4 %, respectivamente, o 3 % dos usuarios di sufrir unha infección de malware e o 6,6 % un caso de fraude.
O estudo indica que un 91 % dos usuarios de teléfonos intelixentes descárganse as aplicacións dos repositorios oficiais. No segundo cuadrimestre de 2011 foi xeneralizado o emprego de código PIN para a protección do dispositivo móbil (86,9 %) e medidas preventivas como realizar copias de seguridade e sistemas extra de contrasinais situáronse nun 30,8 % e un 15,6 %, respectivamente.
INTECO subliña que outra boa práctica de seguridade é ter anotado o número de identificación do terminal móbil (IMEI). Isto faino o 28,5 % dos usuarios, permitindo unha eventual identificación do teléfono e a súa desactivación remota.
Entre as recomendacións de INTECO para protexer a información almacenada nos dispositivos móbiles figuran ter localizado o terminal en todo momento para evitar o roubo ou acceso indebido por terceiros, coñecer o número de IMEI, ter activado o código PIN, facer copias de seguridade e activar o bloqueo automático.
Aconsella, ademais, desactivar as conexións bluetooth, wifi e 3G sempre que sexa posible e cando non se estea usando o teléfono, descargar aplicacións desde os sitios oficiais, vixiar o consumo e efectuar un borrado seguro ao desfacerse do terminal.
O informe elaborouse coa información recollida en máis de 3.500 fogares con conexión a Internet repartidos por todo o territorio do estado.
"Estudio sobre seguridad en dispositivos móviles y smartphones"