O 84% dos internautas españois usan Software Libre

O 84% dos internautas españois usan Software Libre
Data
12/03/2012

Entre os resultados máis relevantes do estudo 'Uso de Software Libre en los hogares españoles 2011', cabe salientar que o 84% dos internautas utiliza software libre de forma habitual nos seus computadores cun nivel de satisfacción próximo ao 80% aínda que só un 20% deles úsao de forma consciente.
Segundo os datos desta enquisa, os retos que afronta o software libre neste segmento de mercado son superar os problemas que levaron a un 16% de internautas a desinstalar dos seus computadores algún dos programas de software libre, como son a dificultade para solucionar problemas ou a incompatibilidade con outros programas. A pesar disto, incluso os que decidiron deixar de utilizar software libre, apróbano cun 6,5 de nota sobre 10.
Coñecemento do software libre
8 de cada 10 internautas afirman coñecer o software libre, e máis da metade, en concreto o 57% sabe que o software libre é aquel que proporciona a liberdade de executar o programa, estudar o funcionamento e adaptalo, redistribuír copias e melloralo.
Uso consciente do software libre
O uso declarado de software libre sitúase no 20,6%. 1 de cada 5 internautas son conscientes de utilizar software libre na actualidade e o 16% recoñece telo utilizado no pasado.
Uso real de programas de software libre
Os datos de uso declarado ou consciente de software libre debemos contrastalos co uso real de aplicacións libres por parte dos internautas. Así, ao preguntarlles aos enquisados polos programas concretos que utilizan nos seus computadores atopamos que o uso real de software libre sitúase no 83,88%, é dicir, 8 de cada 10 internautas teñen instalado no seu computador algún tipo de software libre.
Entre aqueles que afirman non utilizar tecnoloxías libres, un bo número deles en realidade si as están utilizando; en concreto o 85,56% dos internautas que dicían usalo no pasado pero non na actualidade, e o 79% dos que declaraban non utilizalo nunca.
Canle de coñecemento do software libre
Máis da metade dos enquisados coñeceron os programas de software libre a través de Internet (63,9%), e en menor medida mediante a recomendación dos amigos ou familiares.
Razóns que motivan o uso
O uso de programas de software libre pode estar motivada por diferentes e múltiples razóns. O motivo que maior consenso atopa entre os internautas que utilizan software libre é que o seu custo é moito menor (ou mesmo gratis) que o das súas alternativas privativas, algo que defende o 65,2% dos enquisados. Así mesmo, a metade dos internautas usuarios de software libre opinan que hai unha multitude de programas libres e gratuítos que satisfán as súas necesidades (50,2%), máis do 40% consideran que estes programas son compatibles entre versións e entre distintos sistemas operativos e que son moi amigables e fáciles de manexar. Finalmente perto do 30% utilízanos porque son programas máis seguros, xa que veñen configurados de forma segura por defecto.
Motivos de abandono
Entre os internautas que ter utilizado o software libre no pasado, mais non utilizalo na actualidade (o 16,40% dos enquisados), a maioría non aclara os motivos polos que deixou de utilizar as aplicacións libres. Este é o caso dos programas de software libre de mensaxería (90,6%), visor de imaxes (86,5%) ou retoque fotográfico (77,2%), con porcentaxes de respostas “non sabe/non contesta” por riba do 75%. Igualmente máis da metade dos enquisados non saben porque deixaron de utilizar os sistemas operativos, os reprodutores de vídeo ou o correo electrónico. Apenas o 17,6% declara deixar de utilizar os sistemas operativos de fontes abertas porque eran “incompatibles con outros programas” e o 16,2% abandonou o uso dos programas de ofimática libres porque non lles gustaban.
Nivel de satisfacción
O nivel medio de satisfacción dos internautas que afirman utilizar software libre (o 20% dos enquisados) é de 7,8 puntos nunha escala de 0 a 10. Pola súa banda, aqueles internautas que din ter utilizado este tipo de programas no pasado mais que por diferentes motivos deixaron de facelo (o 16% dos internautas), outórganlle unha puntuación de 6,5.
Esta enquisa forma parte do 'Panel de Indicadores sobre Software Libre en España', un proxecto do Observatorio de CENATIC cuxos datos se obteñen segundo estándares europeos, e constitúe o primeiro achegamento estatístico ao ecosistema económico do software libre, en colaboración co Instituto Nacional de Estatística (INE), e o Instituto Nacional de Tecnoloxías da Comunicación (INTECO). De feito, para a realización desta enquisa contouse cunha mostra panelizada de fogares do propio INTECO, e unha metodoloxía de enquisa en liña na que participaron 3.050 internautas maiores de 15 anos.
 

Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades