O estudo realizado por un equipo de investigadores da Universidad Politécnica de Madrid, sinala que o teléfono fixo, caixeiros e domótica son as tecnoloxías menos accesibles para persoas con discapacidade. Por contra, en Internet e telefonía móbil hai máis oferta de solucións accesibles.
O estudo subliña que das 82 entidades participantes -39 empresas, 33 universidades ou centros de investigación e 20 fundacións-, 62 contan con algún produto accesible e relacionado coas TIC, dos que o 71% están adaptados á discapacidade visual ou auditiva, un 62% á física e un 53% á intelectual. A maioría das 60 organizacións activas no sector da discapacidade cre que as tecnoloxías da Sociedade da Información poden solucionar os problemas deste colectivo, sobre todo nas áreas de discapacidade visual e auditiva, non tanto na física ou motora e menos no referente a discapacidade intelectual.
A publicación tamén mostra que un 85% das persoas con necesidades especiais consideran que as tecnoloxías da Sociedade da Información poden solucionar os seus problemas. Segundo o informe, este optimismo é máis moderado en temas relacionados coas posibilidades das persoas con discapacidade para participar na vida política e pública, na vida cultural e nas actividades de lecer e deporte, e máis elevado en áreas como a sanidade ou a educación.
Así mesmo, a infancia con discapacidade e os colectivos en risco de exclusión son os grupos da poboación que teñen máis barreiras de accesibilidade tecnolóxica.
Sobre o catálogo de produtos e servizos accesibles na actualidade, o informe destaca que a maioría destes produtos están destinados á autonomía na vida diaria, seguidos daqueles dirixidos a educación e formación; e, en último lugar, sitúanse os produtos centrados noutros ámbitos como a participación na vida política e publica. A maioría dos produtos accesibles conséguense a través das asociacións e fundacións que traballan en favor das persoas con discapacidade. No entanto, case o 20% dos produtos están en fase de desenvolvemento, mentres que a metade da tecnoloxía accesible facilitada polas organizacións está comercializada e só o 14% é gratuíta.
A demanda de solucións TIC accesibles non só se restrinxe ao ámbito do fogar senón tamén á mobilidade en medios de transporte -autobús, metro, tren ou avión-, contornas abertas -cinemas, bibliotecas, museos, aeroportos- ou centros comerciais.
Con todo iso, o texto apunta que os retos son mellorar a comunicación entre asociacións de discapacidade e empresas, definir mellor o concepto de autonomía persoal e traballar nas tecnoloxías clásicas, como teléfono fixo, a domótica ou os caixeiros automáticos. Ademais, é necesario aumentar a dispoñibilidade das tecnoloxías para a discapacidade intelectual e a infancia con discapacidade.
Este informe é o primeiro da colección de estudos que Centac vai publicar dentro da Colección Accesibilidade, Tecnoloxía e Sociedade. O segundo deles, que xa está en fase de preparación, será unha Guía sobre Normalización na Accesibilidade do TIC.