O 85,3% dos internautas utiliza as redes sociais

Logo osimga
Data
26/05/2011

O estudo sobre a seguridade da información e a e-confianza dos fogares españois (Informe anual 2010), recolle os resultados de 2010, e ofrece unha análise evolutiva que permite establecer unha comparativa cos niveis de seguridade, incidencia de riscos e e-confianza de anos anteriores.
Entre os resultados do estudo cabe salientar que un 85,3% de internautas do conxunto do Estado utilizou as redes sociais no cuarto trimestre de 2010. Son usuarios concienciados coa súa privacidade, e así o 67% deles declara que o seu perfil só pode ser visto por amigos e contactos, e un 16,3% móstrase aínda máis restritivo ao permitir o acceso só a parte dos seus amigos e contactos.
Máis polo miúdo, no último trimestre de 2010, até un 72,3% de usuarios declarou facer un uso habitual das redes sociais, fronte a 67,8% do primeiro trimestre. A esta porcentaxe súmase o 13% dos internautas que declara que nese último trimestre de 2010 usou as redes sociais ocasionalmente.
Segundo revela o informe, no cuarto trimestre de 2010, os usuarios declaran na súa maioría (92,9%) utilizar programas antivirus, seguido das actualizacións do sistema operativo e programas (80,5%) e contrasinais (79,9%). A evolución entre 2006 e 2010 experimentada no uso de medidas de seguridade foi positiva, tal e como queda reflectido no informe.
Alcanzouse un novo máximo de usuarios que declarou que o seu perfil só pode ser visto por amigos e contactos, até un 67%, o que se traduce nunha maior sensibilidade con respecto a este asunto.
En canto aos usos que se fan das redes sociais, o 71% dos internautas declara utilizalas para enviar mensaxes privadas; o 64,5% para manter o contacto ou atopar novos amigos, para publicar mensaxes públicas e o 50,6% para ver fotos, vídeos e rexoubar. Dáselles un uso máis minoritario para buscar traballo (18,2 %), e para ligar e buscar amigos (17,5%).
Chama a atención por exemplo o descenso no número de internautas que usa as redes para compartir fotos, xa que neste último trimestre rexistrouse un 30,6%, fronte ao 51,9% do trimestre anterior.
Con todo, o número de persoas que comparten vídeos vai en aumento, cun 30,6% dos enquisados, fronte ao 25,4% do primeiro trimestre do ano.
O INTECO conclúe que a confianza dos usuarios en Internet móvese en niveis satisfactorios e constantes, xa que un 39,6% de usuarios declara que Internet lle dá bastante confianza e un 44% que di que esta confianza é suficiente.
O estudo foi elaborado no último trimestre de 2010 polo INTECO, a partir dunha mostra de 3.571 usuarios maiores de 15 anos e con acceso frecuente a Internet desde o fogar.

Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades