A Consellería de Sanidade vén de facer público o feito de que case que todos os profesionais poden utilizar a historia clínica electrónica e a receita electrónica, e que máis do 99% da poboación xa se está a beneficiar da súa implantación. De feito, na actualidade, o 86% das receitas que se dispensan en Galicia xa se fan de maneira electrónica.
Respecto da imaxe médica a Consellaría de Sanidade destaca que en Galicia xa se realizan máis de 2 millóns de estudos ao ano, que están dispoñibles en todos os hospitais e en máis do 50% dos centros de saúde, que dan servizo ao 80% da poboación.
A Xunta resalta o impulso que o Sergas está a dar aos servizos de telemediciña, que, "nos dous últimos anos, pasaron de 177 a 310". As especialidades con maior implantación son a teledermatoloxía e teleoftalmoloxía, aínda que tamén se utiliza esta ferramenta informática en neuroloxía, cardioloxía, endocrinoloxía ou radioloxía.