O 97% do persoal técnico informático prefire a formación en liña

Logo osimga
Data
30/03/2011

O estudo, de carácter bienal, foi elaborado a partir das respostas de case 700 profesionais informáticos, tanto da área de programación como de sistemas, que manifestaron, entre outras cuestións, os seus hábitos de formación, o seu grao de satisfacción cos cursos ou as súas necesidades específicas neste ámbito.
A formación on-line, por si soa ou complementada con titorías e clases presenciais, é a modalidade escollida por case todas as persoas enquisadas. O feito de non depender de horarios ou outras restricións é o que máis valoran os profesionais que tentan compaxinar a súa formación co seu traballo.
Dos enquisados que realizaron formación on-line, máis da metade manifesta un elevado grao de satisfacción.
Características máis valoradas
Un 98% dos enquisados valora a importancia de que os cursos en liña inclúan material, ben físico, ben en formato dixital, para posterior consulta.
Pouco máis dun 20% dos técnicos afirma que lle resulta indiferente o estudo en inglés ou castelán. Os demais, decántanse polo castelán nos contidos principais do curso. O estudo, realizado pola empresa viguesa, non considera os outros idiomas oficiais do Estado.
Perto do 90% dos alumnos prefiren a realización dalgún curso que lles organice o estudo a fin de que lles resulte máis doada a obtención dunha certificación oficial que axude a mellorar o seu currículo e incremente o seu valor para as empresas.
Comparativa 2009/2011
Entre as persoas enquisadas aumentou o número de autónomos e o de traballadores/as de pequenas empresas. Descende a cifra de técnicos que optan por unha formación presencial, mentres que se incrementa a de profesionais que se actualizan a través de libros e Internet.
En xeral, a satisfacción cara ao e-learning aumentou desde 2009. O estudo revela a tendencia cara a unha modalidade online que conte con titorías e con máis material de apoio unha vez concluído o curso.

Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades