O comercio electrónico aumentou a súa facturación por noveno trimestre consecutivo e alcanzou a nova marca de 2.322,1 millóns de euros, un 26,5% máis que no mesmo período de 2010. Destes, as empresas españolas ingresaron 1.311 millóns de euros. Os 1.011 millóns restantes son compras realizadas por cidadáns españois en tendas online do estranxeiro, segundo recolle o último informe trimestral sobre Comercio Electrónico da Comisión do Mercado das Telecomunicacións (CMT).
A boa marcha do comercio electrónico traduciuse tamén nunha nova marca en número de transaccións, 31,3 millóns en total, o que supón un crecemento interanual do 31,9%.
Os ingresos concentráronse de novo nas transaccións relacionadas co sector turístico, que aglutinaron case o 34% do total da facturación online e ingresaron 787 millóns de euros.
Medran as operacións desde o exterior
O volume de negocio desde o estranxeiro incrementouse a 60,2% fronte ao mesmo período do ano anterior. En total os estranxeiros mercaron bens e servizos en sitios de Internet por un valor de 335,3 millóns de euros. Estas operacións cara a sitios do Estado español, sumadas ás realizadas desde España a webs españolas, supuxeron este segundo trimestre de 2011 o 56,4% do volume total de negocio (14,4% as exteriores; 42%, as internas), 1.311 millóns de euros.
Por outra banda, a compra-venda online desde o Estado español cara o estranxeiro facturou 1.011 millóns de euros, cunha suba do 23% respecto ao mesmo período do ano anterior.
Por áreas xeográficas, a Unión Europea segue a ser o destino preferido para mercar por Internet con 909,3 millóns de euros, mentres que Estados Unidos mantense como segunda opción cun 4,9% do importe total. As áreas que máis compras en liña fixeron con España foron a Unión Europea e América Latina.
Informe sobre el comercio electrónico en España a través de entidades de medios de pago (II trimestre 2011)