Durante o cuarto trimestre de 2010 (outubro-decembro), o balance tamén foi positivo: 1.911 millóns de euros, cun incremento interanual do 21,4%. Aínda que o crecemento de volume de negocio foi máis moderado que en meses anteriores, é o sétimo trimestre consecutivo co máximo en ingresos.
Ademais, destacou o aumento moi considerable do número de transaccións: 28,5 millóns de operacións no cuarto trimestre, 4,3 millóns máis que en trimestre anterior e 6,4 millóns máis que no mesmo período de 2009.
Por actividades, no cuarto trimestre de 2010, o sector turístico (axencias de viaxes e operadores turísticos, transporte aéreo e transporte terrestre de viaxeiros) reuniu o 29,5% do total de facturación en liña con 563,7 millóns de euros ingresados. Seguiron na clasificación de ramas de actividade con maior volume de negocio a mercadotecnia directa (7,4%), os espectáculos artísticos, deportivos e recreativos (6,0%), os xogos de azar e apostas (6,0%) e as pezas de vestir (4,0%).
Orixe e destino das transaccións
Do mesmo xeito que nos dous últimos anos, as compras realizadas a sitios web dentro do Estado español foron as que máis peso tiveron por volume de ingresos durante o 2010, representando o 54,7% do total dos ingresos por comercio electrónico, até alcanzar os 4.002 millóns de euros. Dentro deste capítulo recóllense as compras realizadas desde España a sitios web dentro do Estado (3.164 millóns de euros) e as compras realizadas desde o estranxeiro e con destino a sitios web españois (838,61 millóns de euros). Pola contra, as compras realizadas desde o conxunto do Estado a sitios web estranxeiros representaron o 45,3% do total de ingresos, até alcanzar os 3.315 millóns de euros.
No cuarto trimestre do ano, das tres segmentacións xeográficas, obtívose un aumento no volume de negocio, respecto ao trimestre anterior, no comercio electrónico desde España co exterior do 4,3%; dentro de España as operacións diminuíron nun 1,6%. Doutra banda, as operacións desde o exterior a España caeron un 5,5% respecto ao terceiro trimestre.
Por áreas xeográficas, a Unión Europea, como ocorreu nos pasados trimestres, foi o destino preferido para realizar compras no estranxeiro. O volume de negocio alcanzou a cifra de 778,5 millóns de euros, o que representou un 89% do total. Estados Unidos foi o segundo destino elixido polos consumidores españois, cun volume de negocio de 48,0 millóns de euros e o 5,5% do importe total.
Informe da CMT